Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

XXV Aniversario da revista ECO

PUBLICADO O 07 DE ABRIL DE 2016 · (0)



ALBERTO NúñEZ FEIJóO · PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA


“Que unha publicación conte con 25 anos de historia ás súas costas implica que acadou o arraigo suficiente para formar parte da cultura e do panorama mediático do seu territorio, algo que, nos tempos que corren, non é un éxito menor”

Sempre é unha boa noticia que un medio de comunicación celebre as súas vodas de prata: significa que non é flor dun día, senón que veu para quedarse. Que unha publicación conte con 25 anos de historia ás súas costas implica que acadou o arraigo suficiente para formar parte da cultura e do panorama mediático do seu territorio, algo que, nos tempos que corren, non é un éxito menor.

E iso é precisamente o que conseguistes na revista ECO desde principios dos anos noventa, pero cun plus: apostar decididamente pola lingua propia para informar, demostrando o voso compromiso non só co xornalismo en galego en particular, senón coa vosa terra e o voso pobo en xeral.

Son moitas as páxinas que enchestes coa historia recente de Galicia. A revista ECO nace nun momento no que a democracia e a nosa autonomía eran aínda moi novas, polo que fostes testemuña da evolución dunha Galicia que soubo modernizarse, medrar e proxectarse ao exterior ata converterse nun exemplo de comunidade que fixo da estabilidade o seu maior forte.

Ao longo destas dúas décadas e media, a noso pobo tivo que facer fronte a moitos retos pero, sen dúbida, un dos máis difíciles foi o de resistir o duro embate dunha crise económica mundial que ameazaba os progresos acadados ata o momento na nosa comunidade. Con todo, se algo sabemos os galegos é que nunca choveu que non escampara e afrontamos o obstáculo da mesma maneira que fixemos sempre: con traballo duro, dedicación e moito esforzo.

Por iso, desde o Goberno galego non quixemos ser menos que o noso pobo e comezamos por axustar o cinto e xestionar a economía autonómica do mesmo xeito que o facían as familias nas súas casas. Así, a través do control do gasto público logramos chegar a unha situación na que os principais indicadores económicos nos din que Galicia camiña pola senda da recuperación sen marcha atrás: logramos controlar o déficit que arrastrabamos nos peores anos da crise e ser a segunda comunidade con menor incremento da débeda durante este período. Grazas a iso, puidemos blindar os servizos públicos, contando con máis prazas de gardarías e centros de día, con máis infraestruturas hospitalarias, con máis atención á dependencia e coas taxas universitarias máis baixas do Estado.

Así mesmo, estamos logrando que o noso PIB medre por encima de países como Alemaña, Francia ou Italia e en mellores condicións, rexistramos entre 2013 e 2015 o noso mellor ciclo exportador da historia e somos a cuarta comunidade na que máis creceu o índice de produción industrial.

Para seguir nesta liña, aprobamos un Plan Estratéxico con horizonte no ano 2020, cuxos obxectivos son converxer con Europa, que o noso PIB medre por riba do 2,5%, elevar as exportacións ata o 40%, duplicar os investimentos en I+D+i e, o máis importante, poder chegar a crear 100.000 postos de traballo. Ademais, para este ano, contamos co primeiro presuposto que, despois de varios anos, aumenta en 430 millóns de euros que serán destinados a mellorar a calidade de vida das familias con baixadas de impostos e medidas de apoio á natalidade, como a Tarxeta Benvida.

Galicia deixa, por tanto, un balance dos últimos anos que nos permite ser optimistas pero tamén nos convida a unha reflexión que hoxe en día, tendo en conta a situación que se vive no conxunto do Estado, cobra especial interese: a da importancia da estabilidade política e dun Goberno sólido para afrontar todos os retos que se poñan por diante e garantir o benestar da sociedade.

Desde a revista ECO seguiredes sendo testemuñas e voceiros do devir dos acontecementos que irán definindo a historia da nosa comunidade e, como presidente da Xunta e tamén como cidadán galego, agardo que esas futuras páxinas sobre a actualidade galega conten historias de logros e superación durante, polo menos, outros 25 anos máis.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)