Publicidade

Cluster


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Pepe, laile!

PUBLICADO O 23 DE MAIO DE 2017 · (0)



XULIO RíOS · PRESIDENTE DE HONRA DO IGADI


A pouco que se coñece, a historia do ferrolán Pepe Castedo Carracedo non deixa de sorprender. Que me conste, Pepe foi o primeiro galego que exerceu como “experto” na República Popular China. A condición de “experto”, unha modalidade importada da Unión Soviética, implicou sempre en China un status especial, tanto polo recoñecemento académico como tamén retributivo e social.

Nos anos que pasou en China, por exemplo, o salario de Pepe era máis de dez veces o dun chinés normal e case se equiparaba co do Presidente Mao. Durante os anos da Revolución Cultural (1966-1976), cedería ata o 50 por cento desa retribución para axudar os seus colegas chineses. Esa actitude de Pepe, segundo me contaba recentemente o profesor Wu Ruigen, o seu alter ego naqueles anos, permitiulle conxeniar cos chineses cunha intensidade que outros expertos estranxeiros non lograban.

Chegou a aquel Pequín en 1964 despois dunha longa e dura travesía que arranca nos Pireneos trala guerra civil. Para saír adiante fixo de todo, ata pedir esmola. Finalmente, a ONU concedeulle a condición de refuxiado político e con esa credencial presentouse na legación chinesa en París.

Ese periplo vital fixo de Pepe un home tan austero como comprometido, capaz de sacrificarse polos demais e devoto da coherencia nos seus actos. Alcumado o “rei dos expertos”, a súa gran barriga naquela China de corpos espigados e de aparencia por veces famélica espertaba a curiosidade dos cativos cos que se mergullaba e entendía sen apenas falar dúas palabras de chinés. Cando aparecía era acollido ao berro de Laile!, é dicir, “aí o ven”, a modo de benvida familiar. Estar parcialmente cego non lle impedía ser un ávido lector. Vivía entre libros. Como ter un carácter seica mais ben seco e forte non obstaba para gañarse a confianza do seu entorno.

Naqueles tumultuosos anos, Pepe involucrouse activamente no debate político. Poucos estranxeiros quedaron en China durante a Revolución Cultural. Partillaba con Sidney Rittenberg –que acabaría de conselleiro de Bill Gates–, Israel Epstein ou Sidney Shapiro, entre outros, no vello Hotel da Amizade. Pepe colaboraba con medios como a axencia de noticias Xinhua, a revista China Construye ou o Buró Central de Traducións, ademais de impartir aulas na escola anexa ao Instituto de Linguas Estranxeiras onde ensinaba en condicións de enorme precariedade. Crítico co endeusamento de Mao, discutía cos seus colegas sen perder a esperanza de poder construír un mundo mellor.

Cando Javier Reverte aborda en La aventura de viajar (2011) a memoria da primeira viaxe dos Reis a China (1978) conta que “todos los intérpretes hablaban con acento gallego por la sencilla razón de que el único profesor de español que había en Beijing en aquel tiempo era un gallego”. O noso Pepe.

Pepe tivo un final tráxico, produto do desencantamento pola incomprensión familiar que atopou ao seu regreso (1981), unha volta amarga e chea de decepcións, moi diferente á que imaxinara de forma ilusionada e quizais inxenua.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)