Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A xogada de Villar Mir

PUBLICADO O 29 DE XUñO DE 2017 · (0)



XOáN ANTóN PéREZ LEMA · AVOGADO


O Grupo Villar Mir é propietario do 57 % de Ferroglobe –o 43 % restante pertence aos socios da compañía norteamericana Globe Speciality Metals–, empresa titular de seis concesións administrativas para a produción de enerxía hidroeléctrica nos ríos Xallas e Grande do Porto, na nosa Costa da Morte. Estas concesións son inescindíbeis da actividade industrial das fábricas de ferroaliaxe de Cee e Dumbría –400 postos de traballo directos e indirectos–, segundo ditaminou no 1994 a Xunta no título concesional e foi logo confirmado polo TSXG e polo TS, que desestimaron os recursos de Villar Mir contra ese carácter inescindíbel. Ferroglobe tamén é propietario dunha fábrica de silicio en Sabón-Arteixo e desenvolve alí un proxecto de I+D para fabricar silicio solar, que dá emprego a 29 traballadores.

Ferroglobe sostén unha grande débeda financeira e di precisar a venda das centrais hidroeléctricas, existindo un acordo de venda definitivo, só pendente da aprobación por Augas de Galicia, da escisión das concesións hidroeléctricas. O fondo canadense Brookfield pagaralle polas concesións –é dicir, polo dereito a explotar privativamente a nosa enerxía hidroeléctrica– 255 millóns de euros.

Ferroglobe manifestoulle aos sindicatos estatais que só a venda das concesións  podería salvar os empregos das fábricas. Velaí que os sindicatos estatais apoiaran  esa escisión das concesións como suposto único instrumento para viabilizar un Plan Industrial que garanta o mantemento do emprego nas fábricas do Grupo no Estado. A CIG rexeitou negociar este acordo, que conta coa oposición unánime de todos os traballadores do Grupo na Costa da Morte e dos alcaldes todos da bisbarra.

Ferroglobe afirmou que a Xunta haberíalle permitir a escisión das concesións antes do 31 de maio para que sigan en vigor os compromisos do Plan Industrial. Malia esta urxencia, a solicitude de escisión presentouse en Augas de Galicia o 11 de maio e arestora (27 de maio) está pendente dun informe da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta.

Se a Xunta permite esta escisión de activos e ulterior venda, as fábricas de Cee e Dumbría serán inviábeis e a Costa da Morte perderá eses 400 postos de traballo e a principal actividade industrial dunha bisbarra economicamente deprimida. Porén, os 255 millóns de euros que potencialmente entren na caixa de Ferroglobe non garanten en absoluto o mantemento do emprego das fábricas de silicio na Coruña, máis aló do valor da sinatura dos directivos do Grupo Villar Mir no acordo asinado en Madrid o 8 de abril último. E nin Villar Mir, propietario do 57 % de Ferroglobe, nin o presidente desta empresa, o seu xenro Javier López Madrid, semella que teñan a máis mínima credibilidade, á vista das sospeitas sementadas pola súa actuación persoal e empresarial. Non só polas pescudas que coñecemos da Operación Lezo, senón polo desleixo na xestión industrial do Grupo en Galicia. A factoría de Cee está como hai trinta anos e Ferroglobe leva máis de vinte incumprindo a promesa de instalar o forno número trece.

Xa que logo, o Plan Industrial aprobado en Madrid é un mero desideratum. Autorizar a venda das centrais eléctricas de Ferroglobe separadas das fábricas de ferroaliaxe sería un erro moi grande que xeraría toda clase de sospeitas, á vista da falla evidente de argumentos xurídicos e económicos. 



Comentar








Enviar

Comentarios (0)