Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A febre amarela

PUBLICADO O 31 DE XULLO DE 2017 · (0)



XULIO RíOS · PRESIDENTE DE HONRA DO IGADI


China semella estar de moda en Galicia. O alcalde da Coruña estivo por alá recentemente, antes fora o de Pontevedra. E moito antes, Orozco, cando exercía o bastón de mando en Lugo. Entre outros líderes da tribo. Agora tocoulle a quenda ao presidente da Xunta. Primeira vez. Chegar a China corenta anos despois de comezar a política de reforma e apertura que a transformou na segunda economía do mundo é un mérito a destacar. Ir da man de empresas poderosas nese modelo de relacionamento non gobernamental que constitúe a marca senlleira da nosa paradiplomacia tampouco é cousa menor, certamente propio das sociedades con institucións febles e que teñen dificultades para establecer relacións de goberno a goberno pero tamén propio de quen fai causa da segmentación por principio, diferenciando entre comenencias a corto prazo e estratexias de alcance con certa altura de miras.

A Presidencia da Xunta tense gabado, coa solemnidade que a caracteriza, de promover unha coordinación activa coa diplomacia estatal en contraposición a outros modelos que acaban con reveses reiterados no Tribunal Constitucional. Non é de sorprender pois que as instantáneas desta xira case destaquen máis ao embaixador Valencia ca o noso Gran Comercial. É loable, naturalmente, ese afán coordinador e non se entende que non se practique na propia casa e desde San Caetano contando como contamos con activos destacados que precisan dun liderado e dunha posta en común para servizo do país.

Un país, por certo, que non é só un mercado. Cómpre prestar atención ás relacións económicas e comerciais pero sen desleixar outras non menos relevantes tendo en conta o que somos, unha sociedade que se queira ou non ten na súa cultura propia un trazo de identidade que é o baluarte principal da súa marca. Úrxenos nese sentido corrixir ausencias do pasado. É ben triste que nun continente que representa o 19 por cento da demografía mundial non haxa ninguén que poida aínda traducir a Rosalía ao chinés coa solvencia suficiente como si podemos atopar no Xapón, poñamos por caso. A nosa industria cultural –con empresas tamén– non pode ser desprezada como tampouco ignorados antecedentes de tanta relevancia como os galegos que en vez de facer as Américas fixeron as Chinas en épocas duras e por iso son ben valorados polos chineses. 

E se puxeramos en valor o que somos, unha autonomía cun modelo de interese na China polas reformas que alenta a este nivel, igual a relevancia e os parceiros desa viaxe serían outros mais. Claro que iso é facer política con maiúsculas e non ir polo mundo como un mandarín.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)