Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Innovación na empresa: hackeando procesos

PUBLICADO O 09 DE NOVEMBRO DE 2017 · (0)



BáRBARA ROMáN · CONSULTORA ESTRATéGICA DE TECNOLOGíA LEGAL


Escoitamos hackear e botamos as mans á cabeza, identificando sempre esta acción con algo negativo. Mais a innovación como proceso dentro dunha empresa supón un cambio de paradigma, de pensamento, o que implica coller os coñecementos que se posúen e darlles unha nova dimensión. Tradicionalmente, a innovación apareceu sempre ligada a contextos exclusivamente industriais ou tecnolóxicos, cando realmente o feito de eliminar as paredes das oficinas supuxo unha mellora eficiente e beneficiosa para empresas como Google ou Deloitte, transformando espazos pechados e compartimentados en espazos abertos que fomentan o intercambio de ideas e unha mellora substancial na calidade do traballo dos empregados. 0 tecnoloxía, 10 innovación.

A innovación non debe entenderse como unha ciencia exacta, senón con múltiples variables, e calquera proxecto de innovación nunha empresa debe medirse segundo a vantaxe competitiva que se consiga e que non existise con anterioridade. Por iso a nosa proposta é a de hackear os procesos internos das nosas compañías. Busquemos como acadar unha maior eficiencia, axilidade ou garantía na obtención dos resultados propostos, incluso a nivel interno, valorando a aliñación deses obxectivos no equipo e a congregación do esforzo ata un obxectivo común por medio dun proceso de innovación. 

Non se trata de tecnoloxía, como dicíamos, senón de calquera nova modificación ou eliminación nun proceso que traia consigo un salto cualitativo na organización. Debemos practicar a escoita e observación activa, ata atopar o lugar máis adecuado para testar esa mellora. Non debemos esquecer que toda innovación contén un umbral de risco inherente, que é a diferencia fundamental entre innovar ou só mellorar. A importancia de valorar isto antes, durante e despois implicará que as nosas expectativas non mingüen a obxectividade dos resultados que aportan, e que incluso cando o experimento non acade o resultado esperado, poida servir para aprender e recoller experiencias na empresa.

A innovación non debe ser un propósito senón un camiño que teña como finalidade mellorar e solucionar. Para algúns este é o único camiño que somos capaces de emprender, porque sempre cuestionamos as cousas que ocorren na nosa contorna e cando detectamos áreas de mellora automaticamente pensamos en como podemos facelo. Nas empresas, este proceso pode non aparecer de xeito natural e, moitas veces, aínda tendo a intención de mellorar e innovar, os traballadores perciben que non se lles permiten esas iniciativas, que as súas ideas non se toman en consideración ou, peor aínda, que non poden destapar problemas ou disfuncións nas organizacións por medo ás consecuencias. Resulta mellor, entón, non buscan a innovación como tal, senón a mellora permanente mediante a resolución dos problemas e conflitos que poidan xurdir no traballo. Isto é o que permite innovar.

O consello para aqueles que busquen innovar é facelo de xeito aberto e interno, fomentado a colaboración entre as distintas áreas da empresa e favorecendo o intercambio de ideas e de métodos. Quen sabe? De aquí podería nacer a prestación de novos servizos, optimización de procesos, mellora de rendemento... Hai cousas que se levan facendo toda a vida e poden ser útiles para fins completamente diferentes. Algún departamento pode empregar as mesmas ferramentas ca outro, dun xeito completamente distinto. En todas as empresas debería ser obrigatorio algún exercicio para facilitar isto, polo menos unha vez ó ano. Isto é hackear, un hackeo á empresa en toda regra.

O termo hackear naceu en 1960, cando o Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT) empezou a queixarse de erros no servizo telefónico, debido a que as liñas foran hackeadas. No fondo, non é máis que a acción de explorar e buscar as limitacións dun código, unha máquina ou unha empresa.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)