Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Podemos falar de recuperación económica?

PUBLICADO O 31 DE XANEIRO DE 2018 · (0)



MARíA CADAVAL · PROFESORA DE ECONOMíA APLICADA DA USC


A estas alturas do ano os ximnasios están ateigados de xente que trata de compensar os excesos do Nadal e dar así cumprimento a eses propósitos que, a bo seguro, quedarán esquecidos antes de que chegue o Entroido. O que non admite titubeos é a necesidade de apertarse o cinto. A inflación comeza a preocupar, supera xa o 2 %, e o encarecemento de prezos chega ata o 6,5 % no caso de subministracións básicas coma o gas, o 2,5 % da luz, os transportes, os carburantes ou as telecomunicacións. A isto hai que engadir que os traballadores da función pública teñen conxelado o seu salario –mentres non haxa Orzamentos Xerais do Estado para 2018 ou algún outro acordo que permita a súa actualización–; os pensionistas cobran 2,5 euros máis de media –un 0,25 %–, e probablemente os traballadores do sector privado estean a acusar tamén unha perda do poder adquisitivo. Malia isto non todo son malas novas, o recente acordo para suba do Salario Mínimo Interprofesional –que beneficia a máis de 30.000 galegos e galegas– está en vigor dende o día 1 de xaneiro, cunha porcentaxe que dobra a inflación. Aínda así, esta actualización do 4 % deixa o SMI nuns escasos 735,90 euros ao mes, lonxe dos 1.922 de Luxemburgo, os 1.502,82 de Bélxica, os 1.457,52 de Francia ou os 1.378,87 de Gran Bretaña.

Alén disto, levamos tempo oíndo falar de que a crise pasou, mais non atopamos consenso. Se miramos a economía dende o lado do comportamento do Produto Interior Bruto vemos que tanto en España –onde se apunta tres anos por riba do 3 %–, coma en Galicia –oito trimestres consecutivos medrando a bo ritmo, cinco deles por riba da media estatal– os datos son bos, moi bos. A demanda interna e externa fixeron unha achega positiva, e a oferta evoluciona ben en tódolos sectores, con algún matiz para a industria, onde a alegría vai por barrios. Podemos gabarnos e constatar que xa se teñen acadado os niveis de PIB do ano 2007 e Galicia, a maiores, ten reducido a súa fenda produtiva con respecto á media española. Pero, chega con isto? Vexamos.

Se atendemos aos datos de emprego, todo parece indicar que hai pouca marxe para o conformismo. Mesmo co crecemento do PIB apuntado, o emprego está lonxe dos niveis de hai unha década. A distancia de máis dun 4 % entre aqueles e estes datos non se vai minorar antes do 2020. A precariedade do mercado de traballo é un feito que preocupa dentro e fóra do país. A baixa calidade do emprego ten aumentado significativamente na última década pola propia crise, a súa duración e os seus efectos, pero tamén por algún outro elemento que se foi incorporando ás relacións laborais e que incentivan este mal comportamento.  A elevada temporalidade e os salarios baixos atopaban xustificación na etapa máis crúa da recesión, mais non agora nun momento de recuperación. Ten difícil explicación que a xornada laboral a tempo parcial non voluntaria teña aumentado no último exercicio, lonxe de diminuír, o que nos fai pensar  que a súa existencia é hoxe un feito máis estrutural que conxuntural. De manterse esta histérese no tempo estaríamos ante un feito que precisa dunha solución máis ambiciosa que mudar a lexislación, e que está a chamar por un cambio de produtividade real. Mentres a economía non sexa quen de xerar valor engadido e gañar competitividade alén do abaratamento do traballo, non se pode falar de superación da crise porque este é un síntoma de que o mercado laboral está enfermo, e con el o resto da economía.

Está previsto que o turismo e os servizos se consoliden coma fornecedores de emprego futuro en Galicia, perfecto, mais isto non pode relaxar o empeño de facer medrar un eixo industrial 4.0 ou 5.0, da man dos grandes centros de investigación de I+D+i do país. A simbiose axeitada entre investigación, industria e administración é fundamental. E aquí, claro está, o acceso ao financiamento e o papel do Igape serán determinantes para ese futuro que está por vir. A promoción económica dentro e fóra da comunidade son chave, pero tamén o é a atracción do investimento estranxeiro directo, que está aínda lonxe das cifras desexadas.

Unha política económica intelixente é aquela capaz de mesturar os aspectos técnicos, financeiros, fiscais, salariais e sociais sinalados. Todos eles, en conxunto, serán os que certifiquen a recuperación real e consoliden o crecemento sólido e estable da economía no tempo.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)