Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A Unión Europea aposta pola economía circular

PUBLICADO O 27 DE XUñO DE 2018 · (0)



FUNDACIóN GALICIA EUROPA · AIDA FERREIRO


O modelo económico lineal no que vivimos caracterízase por un proceso de producir-consumir-desbotar. Mantelo supón un consumo enerxético e de recursos importante que provoca tamén un impacto negativo no medio ambiente, tanto pola constante necesidade de recursos (finitos) como pola cantidade de residuos que produce.

A economía circular é un concepto económico conectado á sustentabilidade cuxo obxectivo é que o valor dos produtos, os materiais e os recursos se manteña na economía durante o maior tempo posible, e que se reduza ao mínimo a xeración de residuos. Trátase de poñer en práctica unha nova economía, circular e non lineal, baseada no principio de “cerrar o ciclo de vida” dos produtos, os servizos, os residuos, os materiais, a auga e a enerxía. Nunha economía circular, o valor dos produtos mantense durante o maior tempo posible: unha vez un produto chega ao fin da súa vida útil, trátase da forma axeitada co fin de volver utilizalo repetidamente e seguir creando valor. Este modelo fomenta a  creación de emprego e promove a innovación, ademais de significar unha vantaxe competitiva para Europa, dada a súa alta dependencia enerxética do exterior.

En decembro de 2015 a Comisión Europea adoptou un Paquete Europeo de Economía Circular para impulsar a transición de Europa cara unha economía circular. Este paquete centrouse en cinco áreas de actuación: produción, consumo, xestión de residuos, materias primas secundarias e innovación-inversión. Ao mesmo tempo establecíanse cinco sectores prioritarios: os plásticos, os residuos de alimentos, as materias primas críticas, a construción e demolición e a biomasa. A día de hoxe, a Comisión xa completou o 80% destas accións, entre as que se inclúen recomendacións ás autoridades nacionais e á industria, ademais de iniciativas lexislativas. Este paquete incluía un Plan de acción da UE cos plásticos como unha prioridade clave comprometéndose a preparar unha estratexia na que se abordasen os retos que supoñen os plásticos ao longo da cadea de valor.

É por isto que en xaneiro deste ano a Comisión presentou un novo paquete de accións centrándose prioritariamente no plástico, sendo o máis novidoso a adopción da primeira estratexia europea para plásticos na economía circular, que inclúe actuacións das institucións europeas e recomendacións aos Estados membros e á industria. Búscase transformar a maneira na que se deseñan, producen, utilizan e reciclan os plásticos na Unión Europea, tendo por obxectivo prioritario que en 2030 todos os envases de plástico sexan reciclables. A Comisión adoptou unha nova proposta de directiva sobre as instalacións de recepción portuaria para abordar o lixo do mar e lanzará unha consulta pública sobre a redución deste lixo, especificamente sobre o derivado dos plásticos de un só uso e das artes de pesca. A Fundación Galicia Europa aportou as súas contribucións á consulta en estreita colaboración coa Consellería do Mar, posto que o tema é de especial interese para as rexións marítimas europeas

A economía circular é xeradora de emprego, existen moitas oportunidades económicas ao redor da industria da reciclaxe do lixo que as empresas aínda non están explotando. O cambio de modelo espertou interese en practicamente todos os sectores de actividade da sociedade, polo que o concepto da economía circular chegou para quedarse.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)