Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

30 anos tecendo lazos entre Galicia e Europa

PUBLICADO O 09 DE AGOSTO DE 2018 · (0)



FUNDACIóN GALICIA EUROPA · ÁNGELA MUñIZ


O 1 de xaneiro de 1986 España pasaba a ser membro de pleno dereito das entón chamadas Comunidades Europeas. Dous anos máis tarde, en 1988, Galicia convertíase na terceira das comunidades autónomas españolas en contar cunha oficina de representación en Bruxelas: a Fundación Galicia Europa (FGE), que celebra este ano tres décadas de existencia informando sobre Europa  en Galicia e promocionando Galicia en Europa.

A FGE aterrou na capital comunitaria meses antes de que se adoptasen os primeiros regulamentos sobre a política de cohesión, principal política de inversión da UE, que persigue o obxectivo de reducir as diferenzas entre as distintas rexións de Europa. Grazas a esta política, nas últimas tres décadas,  Galicia recibiu máis de 17.500 millóns de euros procedentes do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), do Fondo Social Europeo (FSE) e do Fondo de Cohesión, que lle permitiron incrementar o seu produto interior bruto nun 30%. A FGE participou nos sucesivos debates de reformulación desta política para facer valer os intereses galegos. No debate actual de cara o próximo período, a FGE avoga por unha política de cohesión forte, que siga a beneficiar a todas as rexións europeas e non só as menos desenvolvidas, de forma que Galicia poida seguir recibindo estes fondos a partir de 2021.

Vinculada funcionalmente á Xunta de Galicia dende 1988, a FGE traballa para defender os intereses de Galicia ante as institucións europeas facendo seguimento das políticas que máis lles afectan, como a agricultura, a pesca ou o transporte,  e asistindo á representación política en diferentes foros. Así, co seu apoio, os representantes galegos lideraron 11 ditames no Comité Europeo das Rexións, a asemblea de entidades locais e rexionais da UE creada en 1994, para defender asuntos de gran relevancia para Galicia coma o futuro da Política Pesqueira Común ou a acuicultura. Tamén co apoio da FGE, dende 2004 a Xunta de Galicia participa xunto ao resto de comunidades autónomas no Consello da Unión Europea, o que lle permite ter información de primeira man e opinar sobre a preparación da lexislación e as recomendacións europeas que despois debe aplicar en áreas como a sanidade, a agricultura ou a educación.

Nestes 30 anos Galicia seguiu, a través dos ollos da FGE, os múltiples cambios que se producían no proxecto europeo. Da Europa de 12 estados membros, na que nos integramos, ata a actualidade tiveron lugar ata catro ampliacións -1995, 2004, 2007 e 2013. Pero quizais, o cambio máis importante se estea a vivir na actualidade co Brexit. Tras 61 anos dun proxecto europeo que non fixo máis que medrar, a Unión Europea vive o seu primeiro momento de repregue coa inminente saída do Reino Unido, un dos membros fundadores. A incerteza das consecuencias deste proceso levaron á Fundación Galicia Europa a seguir de preto as negociacións, chegando a coordinar un grupo operativo das rexións atlánticas, para lograr que esta saída xere o menor impacto posible nelas, e creando o Foro Galego do Brexit para recompilar e difundir información relevante para aquelas institucións, sectores empresariais e cidadáns galegos que poidan verse afectados pola saída de Reino Unido.

Outra gran constante destes tres decenios foi a aposta pola formación en asuntos europeos, con máis de 400 beneficiarios do seu programa de bolsas, e a promoción da participación galega en proxectos europeos para o que organiza, dende 2015, o curso TecEuropa de especialización en financiamento comunitario. O seu abano de actividades complétase coa divulgación da información comunitaria en Galicia a través do seu portal web que, nos últimos anos, se acompaña do uso das redes sociais para chegar a un maior número de lectores.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)