Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Horizonte Europa, o futuro da I+D+i europea

PUBLICADO O 09 DE XANEIRO DE 2019 · (0)



FUNDACIóN GALICIA EUROPA · JOSE LUIS MAIZ


O pasado 7 de xuño, a Comisión Europea presentou a proposta para o próximo programa de investigación e innovación da UE durante o período 2021-2027, o Horizonte Europa. O Horizonte Europa preséntase como o programa máis ambicioso ata o momento no ámbito da I+D+i cun orzamento de 97.600 millóns de euros, que xunto cos 2.400 millóns para o Programa de Investigación e Formación de Euratom, suman 100.000 millóns de euros destinados á investigación e innovación.

O Horizonte Europa baséase nos logros do actual Horizonte 2020 e proponse como “unha evolución, non como unha revolución”. En palabras de Jyrki Katainen, vicepresidente da Comisión, “investir en investigación e innovación é investir no futuro de Europa”.

O novo programa manterá a estrutura de tres alicerces característica do Horizonte 2020, aínda que con novidades. En Ciencia Aberta os investigadores seguirán atopando financiación a proxectos pioneiros a través do Consello Europeo de Investigación e facilitarase o intercambio de investigadores mediante as accións Marie Sklodowska-Curie. O segundo alicerce, Desafíos Mundiais e Competitividade Industrial abordará as prioridades da UE. E o terceiro alicerce, Innovación Aberta, centrarase na creación de mercado a través do novo Consello Europeo de Innovación incluído o apoio ao Instituto Europeo de Innovación e Tecnoloxía.

Entre as novidades máis destacables dentro do programa atópanse a creación das misións, accións destinadas a lograr un obxectivo audaz e inspirador co fin de achegar a investigación á sociedade; o establecemento do Consello Europeo de Innovación como un organismo coa misión de identificar, desenvolver e despregar avances disruptivos, así como apoiar as empresas innovadoras; ou a potenciación dunha política de ciencia aberta onde requerirase o acceso libre ás publicacións, datos e plans de xestión dos datos de investigación. Tamén fomentará a creación de sinerxías eficaces e operativas con outros programas e políticas da UE, como a política de cohesión ou o programa Europa Dixital, que axudarán a difusión dos resultados da investigación e innovación a escala nacional e rexional.

Unha das metas será situar a UE como líder en innovación. No último informe publicado onde se analiza o rendemento da UE en ciencia, a UE aparece como unha gran potencia científica mundial cun 20% do I+D global, pero non tanto un líder en innovación. A baixa inversión na I+D+i empresarial e a necesidade de mellorar as condicións están a lastrar este liderado, desafíos que Horizonte Europa pretende resolver. Galicia xa se está a preparar mediante a creación do Programa de Deseño para a Innovación 2020 para a incorporación e sistematización do deseño nas empresas, ou a estratexia dos Polos de Innovación Dixital, principal instrumento para dinamizar a innovación.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)