Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Máis alá dos Estados

PUBLICADO O 04 DE FEBREIRO DE 2019 · (0)



FUNDACIóN GALICIA EUROPA · JOSE LUIS MAIZ


O 7 de febreiro do 2018 foi votada no Parlamento Europeo unha iniciativa sobre o uso de listas paneuropeas con circunscrición supraestatal, nas que dos 73 escanos que quedarán baleiros tras o Brexit, 46 destes puideran ser destinado a candidatos elixibles en toda a Unión Europea (UE), e non soamente na circunscrición electoral estatal, reservada  a candidatos que se presentan por cada Estado. Aínda que dita proposta non foi aprobada ao contar unicamente co apoio dos grupos europarlamentarios minoritarios de ALDE e Os Verdes-ALE, fóra do Parlamento Europeo o apoio do presidente da República francesa, Emmanuel Macron, supuxo un importante “espaldarazo” debido á tradicional lóxica de avance da Unión Europea a partir da correlación de forzas no seo do eixo franco-alemán.

Así e con todo, a implantación de listas supranacionais podería ser un cambio importante para todos os Estados, e non necesariamente para os intereses de Francia, na medida en que suporía un primeiro paso cara unha gobernanza política común e axudaría a mitigar as diferenzas existentes entre os Estados da Unión Europea.

Doutra banda, é certo que na actualidade a lexislación europea non contén ningún mecanismo concreto para regular as eleccións ao Parlamento Europeo a través dun único sistema electoral, e por iso podería ser complicado atopar a base legal para xustificar as listas supranacionais como unha opción realista. Ao mencionado anteriormente, habería que sumar o risco de caer na trampa de xeneralizar as demandas de todos os cidadáns de toda a Unión Europea e non axustarse aos intereses concretos daquelas rexións ou localidades con necesidades específicas, xa que, como é sabido, as diferenzas entre Estados europeos son debidas non só a cuestións de identidade ou sentimento nacional, senón tamén a intereses económicos contrapostos ou distintos niveis de desenvolvemento económico e social.

Un dos problemas da composición actual do Parlamento Europeo, derivada do sistema electoral, é que mentres que os Estados máis grandes necesitan un maior número de votantes para conseguir un escano no Parlamento Europeo, os países máis pequenos non poden competir por satisfacer os seus intereses nacionais, polo que a reforma do sistema electoral non é cuestión baladí. A existencia dun sistema electoral supranacional posibilitaría que as eleccións europeas se afrontasen en clave europea e non nacional.

É así, que a maior parte dos temas que adoitan debaterse polos candidatos e que reciben maior cobertura mediática en tempos de campaña electoral adoitan orientarse máis á avaliación dos dirixentes estatais, como un exame periódico entre eleccións xerais, que a uns comicios destinados a escoller aos nosos representantes europeos. É por iso, que aínda que as listas transnacionais son máis unha idea que un proxecto definido, as eleccións europeas do 2019 son unha oportunidade para poñer sobre a mesa o debate como o seguinte paso para seguir avanzando na democracia europea.

En definitiva, as listas supranacionais aínda son un proxecto a longo prazo que non semella estar preto de cristalizar, pero que podería contribuír a mellorar a representación da Unión Europea e a transparencia das súas institucións, axudándolles responder máis eficientemente a unha das principais responsabilidades políticas das institucións europeas: escoitar a voz das persoas.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)