Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A ultradereita á conquista do Parlamento Europeo

PUBLICADO O 03 DE MAIO DE 2019 · (0)



FUNDACIÓN GALICIA EUROPA · SANTIAGO RUIZ-GIMÉNEZ


Dende a crise do 2008 en Europa comezaron a gañar forza os partidos de ultradereita, algúns xa con anos de historia, como a Fronte Nacional en Francia, e algúns de nova creación. Baixo esta consideración de “ultradereita” hai formacións moi diversas que van dende o “neonazismo” (en palabras do Consello de Europa) de Amencer Dourado en Grecia, ao ultra conservadorismo pasando polo liberalismo máis extremo. Todos, sen embargo, teñen uns elementos en común: xenofobia, islamofobia e nacionalismo exacerbado. A súa presenza foi en aumento ata os nosos días de xeito que so hai seis Estados da UE sen ningún partido deste tipo nos seus Parlamentos nacionais (Malta, Luxemburgo, Irlanda, Portugal, Romanía e España) de momento. No resto chegan a ser terceira ou segunda forza e incluso entraron nos gobernos de Hungría, Polonia, Italia, Austria, Letonia, Eslovaquia e Bulgaria.

Nos seus comezos todos reclamaban con ímpeto a saída dos seus Estados da UE, á cal consideraban culpable dos problemas económicos e sociais que estaban a vivir. O UKIP conseguiu que o Reino Unido votase en referendo a favor da súa retirada da Unión e foi visto entre os seus correlixionarios como un éxito a imitar. Non obstante, esta aspiración foi mermando co tempo á vista das dificultades que está tendo o Reino Unido na xestión do Brexit. Actualmente, celebrar un referendo de retirada converteuse na última opción pois agora priman a defensa da soberanía nacional reclamando máis poder e influencia dos seus Estados dentro de Europa, aceptando so o que lles beneficie directamente . A propia lóxica da Unión Europea da procura de consenso a acordos fai que todos os Estados non poidan saír gañando sempre, ás veces hai que ceder en beneficio dos demais o cal vai en contra desta nova visión nacionalista de “aceptar so o que me beneficia”. Estes partidos, polo tanto, non aspiran actualmente a marcharse da UE senón a cambiala dende dentro. A integración e a federalización de Europa non está entre os seus obxectivos pero si o está a protección das fronteiras, a loita pola seguridade e a defensa da familia tradicional. Todo isto en perigo debido á emigración descontrolada segundo eles.

Entre o 23 e o 26 de maio deste ano 2019 terán lugar as eleccións ao Parlamento Europeo e segundo as enquisas, estas formacións de ultradereita obterán grandes resultados nos seus países. Sobre a mesa está a idea de que todos estes partidos extremistas concorran xuntos ás eleccións e formen un grupo parlamentario propio. A Liga Norte italiana e o PiS polaco están moi interesados nisto pero a heteroxeneidade destas formacións está complicando máis do esperado a formación de alianzas.

Con alianzas ou sen elas o certo é que as enquisas vaticinan que as formación ultra e euroescépticas conseguirán máis ou menos 150 deputados podendo ser terceira ou ata segunda forza política grazas ao descalabro socialdemócrata. Cuns resultados así o futuro da UE estará condicionado pola ultradereita e quizais os seus desexos de cambiala dende dentro sexan máis factibles do que se esperaba.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)