Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Galicia no mundo do S.XXI: Razón de nacionalidade histórica

PUBLICADO O 03 DE XULLO DE 2019 · (0)



DANIEL GONZáLEZ PALAU · DIRECTOR DO IGADI


É un lugar común e tradicional na bibliografía de Relacións Internacionais apelar á razón de Estado coma o motor para os grandes consensos internos en relación aos asuntos internacionais. A necesidade de ter unha posición común na sociedade internacional enténdese, desde a razón de Estado, coma o posicionamento mínimo, previsible e leal compartido polas grandes maiorías con representación parlamentaria, no obxectivo de reforzar a imaxe, as capacidades, a influencia e as oportunidades no ámbito internacional por parte de calquera Estado. 

Nas Relacións Internacionais, máis alá dos cañóns, a diplomacia é un instrumento de poder que precisa de consensos e estabilidade para ter valor para o Estado ao marxe das alternancias de goberno propias das sociedades plurais e democráticas. A Alemaña reconstruída trala Segunda Guerra Mundial e o proceso inter-estatal de construción da Unión Europea son neste sentido, os modelos ideais, cos que sistematicamente a bibliografía exemplifica esta necesidade de amplas maiorías  domésticas para unhas relacións internacionais estatais fortes.

En España, como en toda Europa, esta idea vai alén da tradición bibliográfica, atopándose instalada sistematicamente na linguaxe política mediática e na dialéctica goberno-oposición desde o inicio da transición. En fin, máis alá da dimensión retórica e instrumental dos consensos, nun mundo en permanente estado de cooperación e conflito, o acordo interno apela ao sentido común para ser eficaces e eficientes á hora de relacionarse co exterior.

En Galicia, como CCAA con status de nacionalidade histórica no actual marco xurídico-político nacido da Constitución española de 1978 e o Estatuto galego de 1981, esta idea da necesidade do consenso en relación ao internacional institucionalízase co Libro Branco da Acción Exterior de Galicia no ano 2004, con Manuel Fraga na Presidencia da Xunta.  Aquel Libro Branco promovido e elaborado polo IGADI partiu desa necesidade de consenso interno para artellar unha política exterior de seu para Galicia, en lealdade e cooperación co Estado, sen desaproveitar ningunha nas nosas particularidades propias na sociedade global, con grandes piares estratéxicos:  lingua e lusofonía, diáspora, atlantismo-mundo celta e Camiño de Santiago. Desde aquela altura o núcleo do consenso galego está identificado e institucionalizado, e os seguintes documentos de reflexión e planificación da nosa acción exterior en distintas dimensións así o identifican.

Así as cousas o recente anuncio do Presidente da Xunta da elaboración da Lei de Acción Exterior é unha moi boa nova que cómpre significar e aproveitar para dar pasos reais, fechando unha década ambivalente en relación aos éxitos e incapacidades da nosa acción internacional. Destacamos a idea da Razón de Nacionalidade Histórica, a dobre lealdade, na procura de acordos e consenso amplos para a nosa acción internacional, agora máis que nunca no contexto  inmediato do Xacobeo 2021 e no longo prazo dun incerto S.XXI. A idea integral de construír unha arquitectura exterior digna para Galicia, realista e ao tempo creativa especialmente no económico e cultural, aproveitando o capital relacional de facto e a identidade galega universal, é unha idea con infinitas posibilidades de retorno que non debera agardar máis. Ou si?



Comentar








Enviar

Comentarios (0)