Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Dos romances ás políticas, a diáspora na acción exterior galega

PUBLICADO O 21 DE AGOSTO DE 2019 · (0)



DANIEL GONZáLEZ PALAU · DIRECTOR DO IGADI


As relacións de Galicia con América desde o s. XIX son fundamentais para entender á comunidade galega actual e a que pode ser no futuro. A propia relación intercontinental tecida desde o Atlántico nuclea a configuración da identidade internacional da Galicia de 2019 e do seu perfil internacional tan singular, da lingua ao Camiño de Santiago ou os mundos celtas. Nese núcleo global atópanse a diáspora, os centros galegos e a epopea dos asentamentos e os retornos das comunidades galegas.

No último libro de María Xosé PorteiroSándalo, a historia fía unha biografía novelada das relacións de Galicia con Cuba, desde as revoltas dos escravos e o envío masivo de galegos desde Castela para combater a negrización das illas no s. XIX, até a emigración económica do s. XX e os procesos de transformación sociopolítica en Galicia e Cuba... A novela, unha historia de historias de familias galegas, de viaxes e de significados, fía de maneira atrapante e histórico as distintas dimensións do feito migratorio; das vidas privadas as vidas públicas. Engádese ao texto unha veta profunda moi suxestiva, arredor da particularidade da biografía da autora, que medrou na Cuba revolucionaria de Fidel Castro até os catorce anos, e que tamén aparece retratada na obra de maneira trepidante.

Sándalo narra ademais estes douscentos anos desde unha particular ollada feminina, constituíndose como un tesouro para coñecer as diferentes dimensións humanas da xenealoxía da Galicia internacional actual. A construción da galeguidade desde fóra, a promoción do himno e da bandeira, e até dos propios escritores do rexurdimento, fai da diáspora cubana un feito fundacional da Galicia de hoxe, da que hai que falar neste 2019 no contexto dos cincocentos anos da fundación de Santiago de Cuba. Ler Sándalo ou asistir á moi recomendable peza de teatro sobre o centenario da morte de Eduardo Pondal, Os fillos do sol, sitúanos arredor de quen somos como construción colectiva e do peso da Galicia exterior nos seus fitos constituíntes. Máis alá dos romances, coñecer o valor da diáspora para Galicia nos nosos días, excede o emocional e emerxe estratéxico no modelo de desenvolvemento da Galicia do presente e do futuro. Estados como Irlanda, Italia, China ou os USA, realizan esforzos para poñer en valor, do económico ao cultural, todo o valor relacional da diáspora tradicional, e as súas novas formas.

En Galicia, sendo a axenda da S. X. de Emigración unha política destacada dentro da feble acción exterior galega, falta como no resto das dimensións da nosa acción exterior, unha aposta decidida pola coordinación co resto da Xunta e o conxunto das potencialidades do perfil internacional de Galicia. O actual anteproxecto da Lei galega de acción exterior dá conta desta eiva estratéxica de maneira particular e non anticipa unha aposta real por dar un salto cara unha ollada integral, que supere a acción social da galeguidade como tronco central da acción coa diáspora.

Cómpre dicir unha vez máis que a operación do Xacobeo 2021 é un momento axeitado para pensar a Galicia global, máis agora coa Lei de Acción Exterior en proceso de tramitación. Unha Galicia global que proxecte ao mundo moito máis que un lugar ideal para unhas vacacións. A exposición anunciada para o outono na Cidade da Cultura, “Galicia: Un retrato no mundo” é un anuncio que cómpre parabenizar nesa dirección e que ben puidera servir para impulsar unha aposta real polas políticas públicas de acción exterior de Galicia.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)