Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Hubs de Innovación Dixital: clave para o impulso da I+D+i galega

PUBLICADO O 29 DE OUTUBRO DE 2019 · (0)



FUNDACIÓN GALICIA EUROPA · FRANCISCO JAVIER FERREIRO REY


A cuarta revolución industrial supón un cambio no modelo de produción da industria actual. E todo este proceso está baseado nun concepto que cada vez ten máis relevancia: a dixitalización. A revolución dixital marca unha gran diferenza competitiva para aqueles que mellor se adapten, é un facilitador para a innovación nas empresas e a creación de novos produtos e servizos. Pero non todas as compañías posúen a mesma capacidade para investir en tecnoloxías dixitais e integralas no seu sector. Son as pemes as que máis dificultades atopan para saber en que tecnoloxías investir e como asegurar financeiramente a súa transformación dixital. Segundo a Comisión Europea, o 90 % das compañías da UE son pemes, mais só unha de cada cinco está altamente dixitalizada.

Este panorama, xunto coa perda de competitividade da UE, provocou que Comisión e Estados membros empezasen a promover a creación dos Hubs de Innovación Dixital (DIH, polas súas siglas en inglés). Os DIH operan como un conector entre diferentes axentes –empresas, centros de investigación, universidades...–, que poden encontrar o apoio necesario para comprender as tecnoloxías dixitais, experimentar con elas e descubrir cales serían as inversións necesarias para a súa dixitalización. Desta forma actúan como unha fiestra única onde conflúen diferentes entidades co obxectivo de levar produtos e servizos innovadores ao mercado.

Debido á relevancia deste novo modelo de I+D+i nos tecidos de innovación rexionais, a Comisión lanzou varias iniciativas (I4MS e SAE) destinadas ás pemes para financiar e impulsar os DIH nas rexións. Estas iniciativas forman parte de Horizonte 2020, 9.º Programa Marco de Investigación e Innovación, que no período 2016-2017 tivo un orzamento de 200 millóns de euros e para o período 2018-2020 dispoñerá de 300 millóns para a dixitalización da industria. Os fondos estruturais e de investimento europeos tamén dispoñen de orzamento para o mesmo fin, sempre no marco das Estratexias de Especialización Intelixente (RIS3) rexionais.

En canto a Galicia, a Xunta, dentro do Plan Galicia Innova 2020, ten o obxectivo de apoiar o modelo dos Polos de Innovación Dixitais en liña ao avance da RIS3 galega para 2014-2020. A Axencia Galega de Innovación (GAIN) lanzou unha convocatoria na que dous Hubs foron seleccionados en abril deste ano: Ceaga, clúster empresarial centrado no sector automobilístico, e Bioga, hub enfocado na bioeconomía e ciencias da vida.

Con todos estes esforzos, o obxectivo a medio prazo é a cohesión do sistema galego de innovación aplicando modelos de colaboración abertos que permitan coñecer as capacidades existentes, avanzando na especialización intelixente de Galicia e concentrando os recursos e infraestruturas ao redor de ámbitos clave para a industria e economía galegas.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)