Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Xacobeo 2021 e a Ruta da Seda: unha oportunidade para a acción exterior galega

PUBLICADO O 11 DE NOVEMBRO DE 2019 · (0)



DANIEL GONZáLEZ PALAU · DIRECTOR DO IGADI


O 1 de outubro deu inicio o proxecto do IGADI “O Xacobeo 2021 e a Ruta da Seda: Camiños para o diálogo Oriente-Occidente” grazas á convocatoria de proxectos da Consellería de Turismo e Cultura, “O Teu Xacobeo”, xunto á colaboración para a súa financiación dos Concellos de Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo e Pontevedra. A iniciativa ten coma obxectivo promover as relacións de Galicia con China no horizonte do s. XXI, desde o contacto e o diálogo entre o Camiño de Santiago e a Ruta da Seda como itinerarios para o encontro multicultural no mundo global.

O IGADI, cunha forte relación desde a súa fundación (1991) tanto coa acción exterior oficial galega, como con China e Asia, definiu o proxecto desde o contexto da actual Estratexia Galega de Acción Exterior (EGAEX) impulsada pola Xunta desde marzo de 2018. Así as cousas a intencionalidade explícita do proxecto procura un enfoque integral nas relacións de Galicia con China, superando na medida do posible o discurso exterior explicitamente turístico.

Para esta misión identificaremos entre outubro deste 2019 e abril de 2020 unha rede de interese galego-xinesa de natureza multidimensional: institucional, comercial, académica, sociocultural ou turística. A identificación desta rede de relacións serviranos para coñecer o estado actual, desde unha visión panorámica e coral, das relacións de Galicia con China, procurando claves para facelas máis eficaces e eficientes no futuro. Moi especialmente o proxecto aspira tamén a reforzar o papel de Galicia e especificamente de Santiago de Compostela dentro da Unión Europea, identificándonos como potencial capital do diálogo UE-China desde as claves culturais do diálogo entre o Camiño de Santiago e a Ruta da Seda…. Desta maneira o 23 de outubro o proxecto presentarase en Santiago de Compostela no contexto do 32 aniversario da Declaración de Itinerario Cultural Europeo e rematará coa presentación do estudo final arredor das relación Galicia-China, nunha grande conferencia no mes de abril de 2020, coa participación de institucións galegas, chinesas e europeas. Ao mesmo temo, durante os sete meses de duración do proxecto visibilizaremos nas redes sociais do IGADI as raíces das relacións de Galicia con China, entre o anecdotario, a historia e a análise, na procura de maior coñecemento mutuo e mellores oportunidades para o diálogo.

Para todo isto contaremos coa colaboración de Casa Asia, organismo de diplomacia pública creado no 2001 e integrado polo Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, a Generalitat de Cataluña e os concellos de Barcelona e Madrid.

Concluímos así que o proxecto “O Xacobeo 2021 e a Ruta da Seda: Camiños para o diálogo Oriente-Occidente” é unha aposta de presente e futuro, que aposta por innovar na acción exterior de Galicia e na nosa paradiplomacia de cidades, facendo máis competitivo o noso territorio e as nosas cidades a todos os niveis. Chamémoslle intelixencia estratéxica na sociedade da información. Convidadas todas e todos a acompañarnos nesta ruta!



Comentar








Enviar

Comentarios (0)