Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Galicia: un bo laboratorio para a silver economy

PUBLICADO O 07 DE XANEIRO DE 2020 · (0)



MARíA CADAVAL · PROFESORA DE ECONOMíA APLICADA DA USC


Un dos maiores logros do noso tempo é o incremento da esperanza de vida das persoas. A cruz deste éxito publicábao estes días o INE: a natalidade española é a máis baixa dende que existen rexistros, en 1941. Que a nosa sociedade peitea canas non é unha novidade, e o envellecemento da poboación é un dos grandes cambios aos que teñen que dar resposta a política e a economía do século XXI. Dende o punto de vista económico os maiores desafíos son para as pensións, o sistema sanitario e os coidados.

É un feito incontestable que en menos de tres décadas unha sexta parte da poboación será maior de 65 anos, segundo a ONU. En España este colectivo xa supera o 20 % e, por primeira vez, é máis numeroso que o dos nenos menores de 5 anos. Xapón é o país campión do envellecemento e despois está España, aínda que na provincia de Ourense as cifras xa se aproximan máis ao país nipón que á media española. Lonxe do dramatismo que moitas veces se utiliza para achegarse ao inverno demográfico que se vive nos países occidentais, parece que o reto non está en falar do fin do Estado de Benestar, senón en ver de que xeito se poden aproveitar os réditos da "silver economy". Os datos xa o reflicten: a Unión Europea publicou que a economía das canas ten movido case catro billóns de euros nun só ano e chegará aos 6 billóns de euros no vindeiro lustro. En termos relativos estamos a falar dunha terceira parte do PIB europeo e case o 40 % dos empregos. Novas oportunidades de emprego ligadas ao "greyny boom", tanto na cara da dependencia coma naquela outra que ofrece ocio e entretemento para persoas maiores activas, que queren vivir dun xeito diferente e para os que hai que fornecer servizos sociais e sanitarios alternativos.

A caída da natalidade e o incremento da esperanza de vida fixeron mudar a realidade poboacional ata o punto de que o INE recolle que a partir dos 65 anos vívese máis dunha década con boa saúde, seguidos doutra de declive persoal, onde se agudiza a dependencia. A esperanza de vida no ano 1975 era de 15 anos máis para aqueles que chegaban aos 65 anos, 19 anos para os que chegaron no 2000 e 21 anos no ano 2018. Este éxito do sistema sanitario vén a provocar a preocupación do mantemento do sistema de pensións, e non é para menos. A día de hoxe hai catro cotizantes por cada xubilado, que serán dous a no 2050. Non hai tempo que perder para repensar os servizos do Estado de Benestar e adaptar o sistema de pensións a unha realidade que xa é presente. Pero con isto, hai que ver que o 40 % do consumo mundial realízano os maiores de 65 anos, que consumen mais, que aforran menos e que teñen tempo para gastar. En España posúen máis da metade do patrimonio e nove de cada dez teñen vivenda en propiedade. A "silver economy" é unha gran oportunidade para adaptar sectores clásicos aos novos negocios: a rehabilitación e adaptación das vivendas, a transformación de fogares en intelixentes, os servizos conectados, os senior resort, novos produtos financeiros, seguros de dependencia, servizos de rehabilitación, atención no fogar etc. Todo un mundo de posibilidades que o envellecemento pode abrir e cambiar as estatísticas clásicas, así como quitar dramatismo ao inverno demográfico que tanto frío provoca.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)