Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Actualizar a acción exterior e os seus retornos

PUBLICADO O 14 DE XANEIRO DE 2020 · (0)



DANIEL GONZáLEZ PALAU · DIRECTOR DO IGADI


O luns 25 de novembro reuniuse o Consello de Acción Exterior (CAEX), órgano da Xunta para a coordinación da acción exterior galega desde 2009, ano da súa creación. A xuntanza do 25 de novembro, a sexta na súa historia, tiña como tema central a presentación do proxecto de Lei de Acción Exterior e Cooperación ao Desenvolvemento.

A vida real do CAEX dá a medida dos contidos e procedementos que contornaron a política pública de acción exterior na última década en Galicia en contraste co bo desenvolvemento do CONGACODE no último lustro (Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento).  Neste contexto na xuntanza nº6 do CAEX nunha década, presidida polo Director Xeral de Relacións Exteriores, UE e Cooperación, quixemos expresar os nosos parabéns á Xunta pola decisión de activar a creación desta Lei, para nós central na construción da Galicia da próxima década e do futuro. Consideramos a decisión un paso adiante que hai que aplaudir, e que reclamabamos coma necesario desde 2015-2016, cando titulamos ao noso informe anual sobre a acción exterior galega “Do Libro Branco a un pudoroso Decreto”

Ademais valoramos moito tamén a decisión de dar un paso adiante en materia de acción exterior nun momento de tentacións recentralizadoras e debilidade do sistema autonómico, no que cómpre resignificar e poñer en valor en Galicia a idea da nacionalidade histórica. Sen embargo tamén dixemos que máis alá dos parabéns, tamén pola notable mellora do texto trala fase de alegacións, tiñamos que falar dun paso incompleto, polo que expresamos a nosa abstención en relación ao anteproxecto de Lei.

Dixemos que para nós a oportunidade depende dun salto na coherencia e coordinación de políticas na relación co internacional. O que pasa necesariamente porque a Estratexia Galega de Acción Exterior asuma a necesidade de ser programada de maneira participada e minimamente monitorizada e comunicada na relación entre a Xunta e o conxunto da sociedade, mais en particular coa Universidade galega, as cidades e as Deputacións, o Consello da Cultura, as entidades empresariais e as Cámaras de Comercio, a sociedade civil… Esta idea estaba no centro das nosas suxerencias arredor do Anteproxecto presentado de maneira virtual ao CAEX a finais de xullo e non foi asumida en ningunha das súas formas, o que nos impediu votar afirmativamente pese aos aspectos positivos do proceso sinalados.

Aspiramos que a Lei sexa a porta a un salto de calidade, a unha política con orzamentos, avaliable, que procure indicadores do retorno da acción exterior. Que estimule a coordinación, o coñecemento e a innovación nas conexións de Galicia co mundo. Tamén previsible e recoñecible como política pública de seu, dentro da necesaria flexibilidade e capacidade de reacción para a xestión dos asuntos internacionais. Na medida das nosas humildes posibilidades traballaremos en chave construtiva para que o proceso parlamentario asuma este necesario salto de calidade das políticas públicas de acción exterior.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)