Publicidade

R xullo 2020


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Obrigado

PUBLICADO O 29 DE XANEIRO DE 2020 · (0)



DANIEL GONZáLEZ PALAU · DIRECTOR DO IGADI


O pasado 11 de outubro de 2019, nun acto organizado pola Academia Galega da Lingua Portuguesa na Universidade de Compostela “Juventude, Diáspora e Mobilidade Académica” a directora xeral da CPLP (Comunidade de Países de Lingua Oficial Portuguesa) anunciou diante das persoas asistentes, entre outras, a presidenta do Consello da Cultura, a vicerreitora da USC e o director xeral de Exteriores da Xunta, queEspaña comunicara a vontade de adherirse á CPLP coma observador asociado.

O anuncio pillou á audiencia por sorpresa. Con case precisión suíza, un ano antes, o 9 de outubro de 2018, o Parlamento galego aprobara por unanimidade no Debate de estado da Autonomía, a proposta do BNG, a solicitude da entrada de Galicia. A resolución unánime do Parlamento fundamentouse na coñecida como Lei Paz Andrade, de aproveitamento do portugués e vínculos coa lusofonía do ano 2014, tamén aprobada no Parlamento. Representa o final dun camiño (por agora) do que poeticamente poderiamos falar de séculos, mais acoutando no calendario, unha andaina que inicia no 1986 coa participación da Comisión Galega nas xuntanzas para o Acordo Ortográfico da Lingua Portuguesa, en Brasilia en 1986 e en Lisboa no 1990 (antecedentes fundamentais para a creación da CPLP no 1996). Participación galega no Acordo Ortográfico, que realizouse coa aprobación do Estado español e a colaboración moi proactiva de Brasil.

Así as cousas a participación directa de Galicia na CPLP como Comunidade Autónoma fica agora na incerteza, a falta de concretar o plan de incorporación de España á CPLP. Nese plan agardamos un papel relevante e sistemático para Galicia, principalmente e desde o máis puro formalismo, porque a solicitude de entrada de España prodúcese despois de que a Xunta trasladara a resolución do Parlamento galego ao Ministerio de Asuntos Exteriores do Estado.

Alén das evidentes sinerxías e complementariedades a nivel lingüístico e sociocultural, coidar estratexicamente as relacións desde Galicia coa CPLP e territorios de lingua oficial portuguesa, terá que ser un piar do noso modelo de desenvolvemento do futuro.Falamos do ámbito económico e comercial, mais tamén de ámbitos estratéxicos para Galicia onde temos complementariedades por explotar co espazo xeopolítico da lusofonía: o pesqueiro, o académico, a industria cultural ou turístico, por significar algúns.

De Portugal ao Brasil ou Macau, pasando polos PALOP (Países Africanos de Lingua Oficial Portuguesa) temos, coma galegas e galegos no mundo, unha vantaxe comparativa recoñecible. Se todo se producira coa previsible normalidade España entrará na CPLP no verán deste 2020. E o ano non puido comezar mellor para que así sexa, co intercambio de Obrigados entre o deputado Néstor Rego e o presidente do Goberno de España Pedro Sánchez durante a investidura de comezos de ano.

Para a Xunta tanto a incorporación de España á CPLP como estes mediáticos obrigadosdeberan ser motivo de orgullo, xa que a nosa Estratexia Galega de Acción Exterior di no seu primeiro obxectivo: “España debe ver a Portugal como outra nación irmá, merecedora de toda prevalencia na área da cooperación institucional”. Para que esta Historia para o século XXI sexa aínda máis interesante, no 2020 será o Día das Letras Galegas para Carvalho Calero. É o momento, en todos os ámbitos, de pasar da hiperinflación simbólica aos feitos e as medidas concretas. En palabras dun empresario galego significado, non facelo lévanos a seguir perdendo diñeiro… Se é para acontecer que sexa agora, que dirían as portuguesas Deolinda.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)