Publicidade

R xullo 2020


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O papel da Unión Europea nesta crise sen precedentes

PUBLICADO O 27 DE ABRIL DE 2020 · (0)



FUNDACIóN GALICIA EUROPA · VANESSA LOBO CASAS


Son moitas as voces que critican a Unión Europea por non estar á altura das circunstancias na crise motivada polo coronavirus. E así o admitiu a propia presidenta da Comisión Europea a mediados de abril cando pediu perdón porque, ao principio, “houbo demasiadas ausencias cando Italia necesitou axuda”. Pero dende entón, a axenda política da UE ten mudado por completo para concentrarse en limitar a propagación do virus, garantir a subministración de equipos médicos, promover a investigación de tratamentos e vacinas, e apoiar o emprego, as empresas e a economía.

As ferramentas con que a UE pode actuar en cada un destes eidos non son máis que aquelas subministradas polos países que a compoñen. Malia que as competencias en materia de saúde pública seguen estando en mans dos estados a UE ten a misión de complementar as políticas nacionais para alcanzar obxectivos comúns, como é o caso de xestionar unha pandemia. E así o está a facer. Dende a restrición temporal da entrada de viaxeiros á UE ata a compra conxunta, almacenamento e distribución de material médico, pasando pola cofinanciación de voos de repatriación ou a flexibilización das normas de fabricación de certos produtos como máscaras ou luvas de cara a aumentar as capacidades de produción europea.

Por outro lado, a necesidade dun anhelado Espazo Europeo de Investigación é hoxe máis apremiante ca nunca para o desenvolvemento de vacinas, tratamentos e diagnósticos. Ademais dos 18 proxectos en marcha cofinanciados pola UE, os 27 ministros de Investigación acordaron en abril 10 accións a curto prazo que non serían posibles se non houbese un traballo previo de coordinación. Destaca especialmente o intercambio dos datos e resultados das diferentes liñas de investigación a través da plataforma europea de ciencia aberta (EOSC), a creación dunha rede europea de ensaios clínicos COVID-19 ou o acceso ás infraestruturas europeas de investigación.

A UE cualifica a crise económica na que nos adentramos como “diferente de calquera outra que coñecésemos ata agora” porque está a afectar gravemente a empresas perfectamente viables só polo mero feito de que a vida pública freou en seco. E aquí de novo, a UE fixo proba de axilidade botando man de cada recuncho do actual orzamento comunitario que, lembremos, representa un exiguo 1 % da riqueza europea. En moi pouco tempo foi capaz de modificar regulamentos, idear novos instrumentos de axuda e reorientar todo tipo de partidas. Xunto coa actuación do Banco Central Europeo, que fixo unha importante inxección de liquidez, e o Banco Europeo de Investimentos, que reforza o seu apoio ao sector financeiro para que o financiamento chegue ás empresas, a UE calcula que a súa resposta a corto prazo podería chegar aos tres billóns de euros.

Pero fará falta moito máis para o arduo camiño que temos por diante e por iso se fala dun “Plan Marshall” para Europa que comezaría por que os Estados aumenten as súas achegas ao orzamento comunitario. Para isto, a Comisión Europea insta os Estados membros a deixar atrás antigas disputas e apostar por unha recuperación baseada nunha economía máis moderna e circular, que invista a grande escala en renovables, transporte limpo e alimentación sostible.

Sermos pioneiros neste eido a nivel mundial. Esa era aposta europea antes da crise e continúa a ser como resposta a ela.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)