Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Unha crise que mostrou o mellor… e o peor

PUBLICADO O 01 DE MAIO DE 2020 · (0)



EDITORIAL ·


Lonxe de ver a luz ao final deste túnel polo que levamos transitando xa algo máis dun mes, o que se albisca agora é unha terrible noite. Un pico que, segundo todas as previsións, tardaremos moito máis en traspasar que o sanitario e que deixará polo camiño historias probablemente tan dramáticas como as que levamos contando ao longo destas cinco longas semanas. Falamos da crise económica que non é cuestión menor nin se reduce, coa frivolidade da que fan gala cada vez máis sectores, a cifras, beneficios ou Ebitdas. A economía afecta a cada persoa e a cada familia de forma directa e brutal. E o que se albisca neste panorama, tras un mes de parón, resulta aterrador.

Por desgraza, teremos tempo dabondo para falar sobre isto, agora a pregunta que máis se repite en todos os ámbitos é a mesma: como puidemos chegar a esta situación? Unha pregunta que haberá que responder con honestidade e autocrítica porque, máis alá da gravidade da pandemia, hai cuestións inadmisibles para un país desenvolvido que se gababa de ter a mellor sanidade do mundo e que colapsa ante un virus que se mitiga substancialmente con máscaras, luvas, distanciamento social e hixiene. Un virus cuxa letalidade en determinados colectivos e alta capacidade de contaxio era coñecida facía meses.

As inadmisibles cifras provisionais de contaxios e de falecementos –ás que pronto se sumarán as titánicas perdas económicas, de empregos etc.–, deixarán en evidencia a colosal incompetencia na xestión dunha crise que podería repetirse nuns meses, ou nuns anos… ou o próximo outono. E podería tratarse entón dun virus cuxa letalidade dobrase a este, ou triplicase, ou que afectase especialmente á poboación infantil… Como afrontaríamos a situación despois do visto?

Queremos pensar que non co mesmo comité de expertos que semanas antes da traxedia anunciaba que “España no tería máis alá dalgún caso” (Fernando Simón) ou que se estaba xerando “unha histeria sen ningún fundamento” (Antoni Trilla). Son só algúns exemplos das continuas contradicións e cambios de criterio duns reputados científicos que, ao servizo da comunicación política, contribuíron aínda máis á confusión xeral e solaparon as voces dos auténticos expertos, internistas, intensivistas, infectólogos, microbiólogos e un longo etcétera de profesionais que, finalmente, foron os que aguantaron o tipo como puideron.

Fóra do ámbito sanitario tamén nos invaden as dúbidas: Como unha industria como a española ou a galega –cun sector téxtil punteiro no mundo– non é capaz de abastecer de algo tan básico como máscaras o mercado local? Ou como é posible que non poidamos saber cantas persoas morren no país?

Resulta completamente inaceptable que no mundo actual, no que calquera rede social sabe absolutamente todo sobre nós en tempo real, as administracións non sexan capaces de dar datos fiables sobre falecementos, ingresos, unidades UCI dispoñibles etc. Que nin sequera coincidan os datos da Xunta e do Goberno central sobre contaxiados e falecidos en Galicia amosa o completo despropósito no que estamos vivindo a maior crise sanitaria da historia recente. E abre a porta á desinformación, aos bulos, aos timos e ás informacións interesadas que, en vez de axudar a clarexar esta situación, enlean aínda máis, deixando esta completa sensación de engano, ineptitude, incerteza e desalento na que agora nos atopamos.

Pero non queremos rematar con tan mal sabor de boca, e hai tamén elementos para a esperanza, sobre todo cando miramos a Galicia. O sistema sanitario galego non chegou nin de lonxe a esgotar a súa capacidade e as cifras provisionais en todos os ámbitos son claramente mellores que as do resto do estado. Unha cuestión que tamén haberá que analizar polo miúdo. Pero iso será cando logremos someter este virus invisible cuxo maior logro foi revelarnos a nosa propia debilidade.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)