Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Oito pasos para unha nova acción exterior de Galicia

PUBLICADO O 22 DE XUñO DE 2020 · (0)



DANIEL GONZáLEZ PALAU · DIRECTOR DO IGADI


A covid-19 impón afinar toda a fontanería das políticas públicas. Nesta transición a conectividade internacional seguirá a ser un espazo privilexiado para a multiplicación de oportunidades. Pese ás ameazas á globalización a capacidade de atracción global na (post)pandemia será un elemento crítico na capacidade de innovación e posicionamento dos territorios (económico, turístico, cultural…) tamén agora no mundoonline.

O momento actual abre a oportunidade para impulsar un proceso normalizador da acción exterior da Xunta para a próxima lexislatura 2020-2024. Non se trata de viaxar ou gastar máis, se non ao contrario, de priorizar a coordinación e coherencia no conxunto da acción internacional da Xunta, así coma co resto de axentes públicos e privados de Galicia con vida internacional. Apuntamos oito posibles pasos para ordenar a acción exterior galega coma síntese da nosa posición tralo debate durante o 2019 arredor da Lei galega de Acción Exterior e Cooperación ao Desenvolvemento:

1. Creación da Consellería da Galicia global: conformaríase desde a integración das actuais S.X. de Emigración, D.X. de Relacións coa UE e Cooperación ao Desenvolvemento, Axencia Galega de Turismo e Xacobeo. Debería asumir o desenvolvemento da Lei Paz Andrade, en especial na participación de Galicia na Comunidade de Países de Lingua Portuguesa.

2. Institucionalizar a Lei no Parlamento: coas melloras arredor da obrigatoriedade da avaliación pública nos títulos referidos á Acción Exterior, a lei aprobada polo Consello da Xunta o pasado 30 de xaneiro de 2020 –e varada no Parlamento até a súa renovación– debera aprobarse asumindo partidas económicas específicas.

3. Normalizar a lei desenvolvendo a Estratexia Galega de Acción Exterior por medio de plans directores: precisamos dun documento de programación reitor con metas para a política de acción exterior da Xunta e a súa EGAEX correspondente, consultada e participada entre os axentes da acción exterior de Galicia.

4. Fortalecemento das capacidades de diagnóstico, estratexia e de creación dun pensamento exterior propio: precisamos dotarnos de capacidades propias e masa crítica en liña coa Galicia global, potenciando o traballo coa Universidade e centros especializados coma o IGADI.

5. Revitalización do CAEX (Consello de Acción Exterior): cómprelle á Xunta exercer como parte facilitadora na coordinación e comunicación coa acción internacional das nosas cidades, deputacións, universidades, empresas, ONG, entidades socioculturais...

6. Convocatorias públicas de subvencións de acción exterior harmonizadas: hai que incentivar eficacias no noso ecosistema internacional entre as distintas convocatorias de subvencións á internacionalización (Igape, Again, Consellería de Cultura, Consellería de Mar, S.X. de Emigración…).

7. Comunicación, seguimento e avaliación da Galicia Global: precisamos incentivar a comunicación interna e externa da Galicia global, cando menos en relación á axenda internacional de viaxes da Xunta e o resto de actores da acción internacional galega, dos económicos aos culturais, así coma as visitas a Galicia dos socios internacionais.

8. Axenda 2030, política exterior verde e feminista: asumindo a Axenda 2030 como marco universal, facer do enfoque medioambiental e de xénero ideas diferenciadoras do noso posicionamento na sociedade internacional achegará valor engadido.

Despois dunha década de ambivalencias e minimización arredor da acción exterior de Galicia é o momento de apostar por poñernos en valor coma célula de universalidade. No momento actual, e sendo Galicia nacionalidade histórica, nada tan relevante coma o internacional para identificar posibilidades de futuro. Oxalá cousa de todas.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)