Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A nova normalidade

PUBLICADO O 01 DE XULLO DE 2020 · (0)



EDITORIAL ·


Fin do estado de alarma, terrazas cheas, praias a punto, primeiros voos comerciais, mobilidade interprovincial e entre comunidades, campamentos de verán… a nova normalidade chegou e máis alá das máscaras e os xeles, non presenta moitas variacións con respecto á vella. Nin sequera no tocante á sanidade ou á educación, que seguen –e todo indica que seguirán– como estaban malia as carencias demostradas durante esta grave crise cuxas consecuencias están lonxe de teren rematado.

Pero imos cara unhas eleccións e parece que agora o importante é deixar atrás os malos recordos e mirar o futuro con optimismo. Ao menos o inmediato. Neste impasse no que nos atopamos, queremos botarlle un ollo á situación empresarial da nosa comunidade, non con afán de actualidade senón de análise que nos permita, nuns meses, volver sobre estes datos e ver se a pandemia afectou o tecido económico galego e en que medida o fixo.

Polo de agora o que evidencia a análise é unha escasa diversificación da actividade ligada á forza de dúas compañías sen cuxa presenza os datos serían catastróficos.Evidentemente falamos do grupo Inditex e de Citroën. Ata o sexto posto por facturación temos que ir para atopar a Megasa, a primeira compañía allea ás anteriores e ata o décimo primeiro para chegar á segunda, Vego, participada ao 50 % pola familia González Prieto e Eroski. De feito, dez das 15 primeiras empresas por facturación son do grupo de Amancio Ortega e representan en traballadores máis de 31.500 que sumados aos máis de 7.570 de Peugeot-Citroën supoñen o 3,6 % da poboación galega ocupada a finais do pasado ano. E non remata aí o poderío do empresario coruñés porque despois desas dez primeiras aínda atopamos insignias como Zara Home, xusto por diante doutra casa tan emblemática como é a de Estrella Galicia.

En fin, que o 'imperio Inditex' segue mandando na economía galega e que, como advirten desde hai tempo todos os expertos en economía, é momento de repensar o modelo económico do futuro inmediato aproveitando a crise da COVID-19 pero tamén a sangría industrial que volve bater na comunidade coa terrible noticia do peche de Alcoa.

Dinos o presidente da Deputación de Ourense que a provincia demostrou a súa fortaleza nesta crise grazas á resistencia do sector primario e quizais sexa este un modelo a seguir para o resto dunha comunidade que, por outra banda, segue a desangrarse demograficamente e a baleirar sen remedio o rural, abandonado ante a falla de oportunidades que a mocidade busca na emigración. Con Manuel Baltar falamos da xestión desta crise sen precedentes, das próximas eleccións autonómicas e de moitos outros asuntos que afectan directamente á provincia e a Galicia.

E tamén nos achegamos a algunhas das empresas galegas que non aparecen no ranking do A Fondo pero son quen de demostrar que se pode sobrevivir ás crises e ata saír reforzados delas con boa xestión, adaptación e traballo. Andrés Casal de Wetaca e Cristina Segade de Galanas amosan dous xeitos de traballar desde orixes e sectores completamente diferentes pero cun nexo común: son un referente, un símbolo de moitos emprendedores e empresarios que están amosando o camiño do que debe ser esa nova normalidade que precisa esta comunidade.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)