Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A paradiplomacia de Feijóo: do pecado orixinal ás ambivalencias

PUBLICADO O 10 DE XULLO DE 2020 · (0)



DANIEL GONZáLEZ PALAU · DIRECTOR DO IGADI


Nestes 11 anos de goberno do presidente A. N. Feijóo o seu papel de liderado é recoñecido por todos. Un dos elementos sobre os que modelou o discurso público foi arredor do perfil internacional de Galicia, a relevancia da globalización no noso futuro e modelo socioeconómico e sociocultural.

O primeiro Feijóo acentuou a necesidade da aprendizaxe do inglés, despois impulsou unha permanente pedagoxía arredor da internacionalización económica, e na súa última etapa acentuou o obxectivo da globalización do Xacobeo coma unha potencialidade tratora para toda a economía do país, de maneira especial na edición do 2021 e na ollada estratéxica do discurso dos últimos meses previos á explosión da COVID-19 –A Década Xacobea, en referencia aos anos Xacobeo 2027 e Xacobeo 2032–.

Porén, a acción exterior coma política pública perdeu rango desde a primeira estrutura política-administrativa do primeiro Goberno Feijóo de 2009, degradando a anteriormente Secretaría Xeral de Relacións Exteriores, UE e Cooperación –dependente da Presidencia– nunha Dirección Xeral de Relacións Exteriores, UE e Cooperación –dependente da Consellería ou da Vicepresidencia exercida por Alfonso Rueda ao longo dos distintos mandatos–. E desde o 2009 ata hoxe. Así, se cunha man era capaz de situar a axenda da Galicia global entre os eixos de traballo motores do seu Goberno, coa outra rachaba a tradición, lenta mais progresiva, de ordenación da acción exterior galega de Laxe, Fraga e Touriño-Quintana.

Pese ao pecado orixinal o presidente Feijóo fixo gala ao longo desta década de ser consciente da importancia do selo internacional de Galicia, por medio de medidas reais e notables, mais en demasiadas ocasións simbólicas e rituais, precisamente lastrado por ese pecado orixinal. Esta afirmación arredor do paradiplomata Feijóo constátase, paradigmaticamente, co achegamento ao portugués e a Portugal da Lei Paz Andrade que, pese a agromar o seu perfil máis galeguista e estratéxico, fica a estas alturas cun inmenso camiño por percorrer.

Cómpre, ademais, incidir en que, impulsado polo pecado orixinal, o maior fracaso foi o da morte cerebral do Consello de Acción Exterior (CAEX) da Xunta, reunido tan só en cinco ocasións entre 2011 e 2019, incumprindo explicitamente o decreto de creación do CAEX, demostrando a falta de vontade para unha coordinación e coherencia, tanto dentro dos distintos departamentos con incidencia na vida internacional da Xunta (Igape, Emigración, Turismo, Mar…) coma co resto dos actores da acción exterior galega: cidades, Universidades, empresas, ONG…

A grande fenda desta época será o contraste entre a vida televisada da acción exterior da época Feijoo ligada á procura de negocios internacionais, coa minimización, fragmentación e simbolismo da política oficial de acción exterior de Galicia. Se o primeiro é necesario, darlle a volta ao segundo é imprescindible para falar da existencia dunha política pública de acción exterior. Hai que prepararse para o s. XXI, o que implica establecer obxectivos e poder medilos alén das fotografías e os titulares.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)