Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Próxima estación? A Universidade na acción exterior de Galicia

PUBLICADO O 24 DE AGOSTO DE 2020 · (0)



DANIEL GONZáLEZ PALAU · DIRECTOR DO IGADI


To the Next Statio é un libro coordinado polo profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Benigno Fernández Salgado, e a docente da Facultade de Filoloxía e Tradución, María José Corvo, que apareceu editado en inglés desde Berlín no ano 2018, froito do desexo explícito na suxestiva introdución do volume de conectarse mellor ás redes internacionais de coñecemento.

O libro reúne, ademais dunha inspirada presentación dos editores que serve para centrar a definición e os obxectivos da investigación, 12 artigos de 12 investigadores vinculados ao programa de Doutoramento en Comunicación da Universidade de Vigo. Neles aparecen cuestións como as potencialidades e limitacións da tradución, o novo ecosistema dos medios de comunicación tradicionais, os usos tecnolóxicos da mocidade, o big data, as redes sociais, os algoritmos que determinan as recomendacións nas rede, ou os novos formatos literarios froito da revolución tecnolóxica… A decisión de presentar o texto en inglés cómpre subliñarse aínda máis especialmente nunha obra recopilatoria arredor da comunicación e as interaccións desta coa cultura especificamente desde Galicia, un territorio cunha especial conectividade internacional. Así as cousas To the Next Station é un esforzo por globalizar o traballo acumulado dunha escola galega en comunicación e cultura xerada desde a Universidade de Vigo, na que traballan os dous editores da obra. Desde a presentación o libro anima a unha lectura ordenada ou desordenada segundo os intereses do lector, sempre coa pregunta inicial de como comunicar para os intereses da maioría.

Cómpre engadir, máis alá de recomendar a súa lectura, que a internacionalización da Universidade galega pasa por ser, necesariamente, un dos eixos estratéxicos do modelo de desenvolvemento do futuro. A innovación e a investigación científica precisan de maneira crítica no s. XXI dun amplo abano de conectividade internacional –das estudantes aos grupos de investigación–, xunto a un non menos necesario repertorio de capacidades e comunicación en linguas internacionais –da docencia ás publicacións– o que multiplica a conexión ás redes académicas do mundo enteiro e o aumento das probabilidades de excelencia produtiva.

A intencionalidade da obra e a decisión da súa publicación en inglés apunta directamente a este obxectivo, o que hai que aplaudir e estimular, procurando olladas de longo prazo neste obxectivos que superen a anécdota, os esforzos illados e a boa práctica puntual. As Universidades galegas que contan cunha moi interesante vida internacional deberan dunha banda integrar máis e mellor as súas distintas plataformas de internacionalización, para a súa vez ser parte decisiva e non ritual, dunha política de acción exterior de Galicia, onde a Xunta ten case todo por facer…

No próximo Parlamento galego que deberá arrancar en setembro agardamos a presenza do moi agardado proxecto de Lei de Acción Exterior e Cooperación ao Desenvolvemento, que podería ser unha estación internodal da Galicia do futuro. Unha Lei que debera non só reforzar e coordinar o traballo internacional dentro da Xunta senón tamén no traballo conxunto da Xunta coa Universidade, as asociacións empresariais, as cidades, o sector cultural… A desorde actual nesta materia é unha estación vella e desmantelada que cómpre actualizar desde hai moito tempo, e que agora precisa dunha mudanza agónica, no contexto da COVID-19 e as transformacións en curso en relación ao funcionamento da globalización.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)