Publicidade

Noite da enxeñaría en informática de Galicia


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Onde quedou o estado de benestar?

PUBLICADO O 11 DE SETEMBRO DE 2020 · (0)



MARíA CADAVAL · PROFESORA DE ECONOMíA APLICADA DA USC


España foi a rebufo dos demais países europeos ao incorporarse tarde ao estado de benestar e, aínda que nunca chegou a estar á altura dos máis avanzados, nos anos oitenta e noventa caracterizouse por realizar grandes investimentos en educación e sanidade. Adoitaba dicirse que España tiña a mellor sanidade do mundo; seguramente era así, mais, de selo, non é por causa do esforzo inversor que se fixo na última década senón como froito do esforzo e dedicación dos seus profesionais.

Algo parecido ocorre coa educación, a pública era sinal de esforzo e valía, cunha formación que outorgou ao capital humano do país a preparación necesaria para facelo competitivo. Non é casualidade que, por exemplo, os resultados dos alumnos que cursan o seu Erasmus nas mellores universidades de países como Noruega, Alemaña ou Finlandia, volvan con moi bos resultados..., aqueles que volven, claro.

Malia isto, a irrupción da pandemia da COVID-19 vén a ser coma un tiro na liña de flotación de ambos os dous servizos públicos esenciais. A visión dominante sobre a saúde pública nos últimos anos era a dun gasto improdutivo, porén foi a primeira partida en recortarse tras o estalido da crise do ano 2008. Mentres durou a inercia do gasto sanitario anterior, o servizo parecía manterse, pero o coronavirus vén a desmentir esa percepción. Temos aprendido que a prioridade, por riba incluso do crecemento económico, é preservar a saúde pública, pois sen ela nin a educación nin ningunha outra actividade é posible. Ademais, o investimento –si, digo ben, investimento e non gasto– en saúde debe verse cun prisma diferente. O sistema conseguiu ser excelente no eido curativo, pero ten moitas eivas no preventivo. A mirada tórnase agora cara a un reforzo da atención primaria ao tempo que urxe a súa conexión cos servizos sociais, facendo do socio-sanitario unha unidade indisoluble que non debera separarse sequera nas carteiras ministeriais.

Algo parecido acontece coa educación. A escola pública, hoxe ferida pola pandemia, arrastra tamén a política de recortes e de falta de recursos, ate converterse en anacrónica e desconectada por unha importante fenda dixital. Os máis de oito millóns de alumnos e case 800.000 profesores que estiveron pechados nas súas casas durante o confinamento contribuíron a agrandar a fenda que sofre o estado de benestar. Non hai discusión algunha sobre a necesidade de que o alumnado volva ás aulas, mais o labor político non está á altura. Tan só uns días antes do comezo do curso, os protocolos estaban sen consensuar, as infraestruturas sen adecuar e os profesores sen contratar, á espera de que? 

A falta dun amplo acordo político e social aboca á educación a un esgotamento que se ve interrompido por leis educativas que se cambian cada catro ou seis anos, sen unha liña continua que permita callar un modelo moderno, flexible e adaptado ás demandas dinámicas do mercado de traballo. 

A curto prazo, a urxencia está en atender aos alumnos con menos recursos, reforzar o sistema para permitirlle atender aos máis febles e non deixar que sigan desconectados por mais tempo. É fundamental a educación presencial, pero no caso de que non se poida realizar, é imprescindible un acceso universal á ensinanza onlinedurante o tempo que isto dure. Na última década España deixou de investir 10.000 millóns de euros en educación, que debe recuperar inmediatamente para poñerse ao día na redución das ratios de alumno por aula, a dotación de profesores especialistas, a planificación dunha educación de calidade e coas infraestruturas axeitadas e preparadas para o futuro.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)