Publicidade

Galicia calidade produto


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Un milagre

PUBLICADO O 25 DE XANEIRO DE 2021 · (0)



EDITORIAL ·


Ao peche desta edición, estreado xa o mes de xaneiro, as previsións non son boas. Non é algo inesperado, nin moito menos. Todos sabiamos que salvar o Nadal suporía matar as rebaixas… e todo o que vén detrás. Pero ninguén, nin institucións nin cidadanía, se atreveu a ser quen pechase a cancela dunha celebración tan simbólica, e os resultados estamos empezando a sentilos.

De feito, probablemente cando lean isto non será un sentimento senón unha tráxica realidade, como a que viven xa autonomías e países moi próximos a nós, algúns deles exemplo ata hai pouco de bo facer, onde as cifras de contaxios e mortos multiplícanse cada día que pasa. Na espera do que vén nos próximos dous meses e con dous sectores tan relevantes como son o comercio e a hostalería sufrindo de novo os envites máis duros das medidas restritivas, non hai lugar para empezar o ano con moito optimismo.

Máis si que hai tamén raios de luz no horizonte, ao menos a medio prazo. A noticia de que o Ano Santo 2021 se estenderá a 2022 dá un respiro non só a toda Galicia senón a moitas outras Comunidades Autónomas e a centenares de Concellos e vilas nas que o Camiño de Santiago ten unha excepcional repercusión sobre as súas economías.

Por suposto, non debemos perder de vista a chegada das primeiras vacinas, que xa comezaron a poñerse, e ás que pronto se unirán máis permitindo albiscar un horizonte –esperemos que non moi afastado– de “vella normalidade”. Máis non chegará a tempo de salvar o Entroido, festa de gran tradición en moitas zonas de Galicia, ou a campaña de rebaixas de inverno, a segunda en tempos de pandemia e cuxas previsións son moito peores que as da campaña de verán. As previsións a final de ano falaban dunha caída do 45 %. e un estudo de EAE Business School aseguraba que o 52,4 % dos consumidores reduciría o seu gasto nestas rebaixas, sendo a moda o sector máis afectado, cunha redución do 33,7 % no orzamento. A Federación Galega de Comercio estima que os galegos gastarán uns 200 euros de media nestas rebaixas, o que supón entre 40 e 60 euros menos que nas anteriores, e cren que isto é debido á incerteza económica.

Unhas previsións que afondan na crise do sector desde o inicio da pandemia que nin a campaña de Nadal logrou salvar, mesmo adiantando as rebaixas e descontos. Tanto comerciantes como expertos coinciden en que o peche da hostalería, as restricións de mobilidade e o temor a entrar en espazos pechados supuxeron un cóctel explosivo para estes establecementos. Un estudo elaborado por TC Group revelou que as rúas españolas encadean dez meses consecutivos cun descenso do tráfico peonil. Neste período, o acceso dos clientes ás tendas reduciuse un 42 %. Salvaron os mobles algúns comerciantes de vilas pequenas nas que o confinamento levou á poboación a mercar no comercio local, e tamén os que se subiron ao comercio online. Pero seguen sendo minoría. O resto ve o futuro moi negro, ao igual que a hostalería e o turismo. E non digamos a industria… ou o que queda dela en Galicia.

Agardemos que as vacinas e este dobre Ano Santo que acabamos de estrear nos traian o milagre sanitario e económico que tanto necesitamos.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)