Publicidade

Galicia calidade produto


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Ilusionismo orzamentario

PUBLICADO O 24 DE NOVEMBRO DE 2020 · (0)



MARíA CADAVAL · PROFESORA DE ECONOMíA APLICADA DA USC


Era habitual considerar os Orzamentos Xerais do Estado coma o principal instrumento de política económica do goberno e a lei máis importante do ano, aínda que esta lectura mudou a partires do ano 2015 cando, de xeito sistemático, se incumpriu esta obriga constitucional. De feito, o ano 2020 vai a rematar coa prórroga dos orzamentos que elaborara Cristóbal Montoro durante o goberno de Mariano Rajoy, aínda que no 2021 todo apunta a que o Goberno conseguirá sacar adiante unhas novas contas públicas, que teñen superado xa o trámite das emendas á totalidade.

Polo de agora, a discusión do proxecto orzamentario deu pé a acalorados debates sobre asuntos tales coma o achegamento dos presos de ETA, mais houbo pouca profundidade sobre os temas nucleares coma a análise do cadro macroeconómico que sustenta as contas públicas ou a gobernanza dos fondos europeos. Se esta discusión se tivese tomado en serio tería que rechamar, por exemplo, a ilusión da estimación de crecemento que plasmou o Goberno no Plan Orzamentario que enviou a Bruxelas, o que lle permite pintar un incremento do 7 % nos ingresos mentres que a ratio da débeda sobre PIB escalaría ata o 117 %. O Fondo Monetario Internacional xa advertiu de que estas estimacións son irreais e o déficit estrutural acadará, ao menos, o 7,3 % sobre PIB, o que atrasará a recuperación máis do previsto.

Porén, unha cousa é que haxa orzamentos no ano 2021, que xa tocaba, e outra ben distinta é que eses orzamentos cumpran a súa función. O gasto público debuxado é claramente expansivo, como corresponde a este contexto, e acerta ao poñer o acento na educación, os servizos sociais, a sanidade e o investimento en I+D+i que, se se puideran executar, suporían un grande avance e o revulsivo necesario para a economía do país. O seu sustento apóiase sobre os estímulos que, se espera, cheguen do crecemento, dos estabilizadores automáticos e dos fondos europeos –que se poden atrasar polo veto de Hungría e Polonia–, o que semella excesivamente optimista, aínda que só sexa polo feito de que o aumento estimado dos ingresos non se pode explicar. Nun exercicio no que as empresas sufrirán as consecuencias da pandemia, con caídas significativas nas súas contas de resultados, dificilmente van a tributar máis que no ano 2019 no Imposto de Sociedades e, probablemente, tampouco o fagan os contribuíntes do IRPF en máis de 8.000 millóns de euros, como prevé o proxecto orzamentario presentado polo Goberno. Nin os “impostos aos ricos”, nin a ben intencionada suba do imposto de patrimonio –en mans autonómicas–, nin sequera a imposición verde ou as chamadas “taxa Google” ou “taxa Tobin” conseguirán os recursos que se pintan nesas contas, pois é matematicamente incompatible coa situación real que atravesa o país.

Se, coma calquera orzamento, este ten tres cuartas partes de inercia e un 25 % de ciclo económico e discrecionalidade política, por boas que sexan as intencións, o resultado final arroxará un déficit por riba do 12 % e unha débeda pública próxima ao 125 %, que vai a condicionar a política económica española durante moitos anos. Volver a normalizar esta situación non será cousa de axuste de gastos puntuais ou de medidas tributarias miúdas, senón que vai a requirir de reformas profundas capaces de puxar polo crecemento potencial ao tempo que reduzan os gastos estruturais e avancen cara a unha maior eficiencia. Bruxelas vai a pedir un plan –a medio ou longo prazo– para reconducir esta situación e canto antes se asuma, mellor.

Neste contexto de febleza do castelo de naipes orzamentario están afectadas tamén as comunidades autónomas, ás que de xeito excepcional, e liberadas temporalmente da disciplina orzamentaria europea, se lles outorgou para o vindeiro exercicio un teito de gasto en niveis que xa non se recordaban, coma en Galicia, 11.664 millóns de euros. Se a isto engadimos que durante o ano 2020 as autonomías están a recibir moitos máis recursos dos que lles corresponde pola recadación real, cómpre advertir que a partires do 2022, cando se axuste a liquidación do financiamento autonómico á recadación real, volverán a vir curvas, un período de axustes moi importantes que, necesariamente, han de levar aparelladas reformas estruturais.

España, cun cativo historial na tramitación con éxito dos fondos comunitarios ten ante si o reto colosal de xestionar no vindeiro quinquenio os mesmos recursos europeos que no último cuarto de século, un paquete de axudas de 200.000 millóns de euros, que poderían puxar ata un 3% de crecemento anual do PIB. Unha oportunidade sen precedentes, un reto colosal para o que, está preparado este país? Veremos.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)