Publicidade

Galicia calidade produto


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Unha natureza máis forte como piar da recuperación

PUBLICADO O 26 DE NOVEMBRO DE 2020 · (0)



FUNDACIÓN GALICIA EUROPA · CAROLINA GONZáLEZ


A protección da natureza non se corresponde cunha cuestión trivial nos tempos que corren. Sinala a Comisión Europea na súa Estratexia da UE sobre a biodiversidade de aquí a 2030 que “as sociedades só poden ser resilientes e sas se se ofrece á natureza o espazo que precisa”, remarcando así un feito demostrado durante a recente crise sanitaria: os nexos existentes entre a saúde dos ecosistemas e a nosa propia saúde parecen innegables, polo que outro tipo de relación coa medio natural é necesario. A perda de biodiversidade tradúcese nunha redución dos rendementos das colleitas ou en perdas económicas por catástrofes naturais, mais tamén, por exemplo, nunha perda de novas fontes potenciais de medicamentos. Parece fundamental, pois, protexer e recuperar a natureza para prever a aparición e propagación de enfermidades no futuro.

Publicada en maio, a Estratexia de biodiversidade integra os desafíos expostos durante a pandemia e eríxese como un dos piares tanto do Pacto Verde Europeo como do Plan de recuperación para Europa, baseándose na idea de que a protección da biodiversidade está totalmente xustificada dende o punto de vista económico: máis da metade do produto interior bruto mundial –preto de 40 billóns de euros– depende da natureza ou de servizos derivados, mentres que tres dos sectores económicos máis importantes –construción, agricultura e alimentos, que xuntos aportan á economía uns 7,3 billóns de euros– son fortemente dependentes da mesma. Consecuentemente, investir na protección e recuperación dos ecosistemas contribuirá de maneira necesaria á recuperación económica da UE tras a crise sanitaria.

Tamén en maio, a Organización Mundial da Saúde (OMS) insistiu en que “tratar de aforrar cartos deixando de lado a protección do medio ambiente (...) resultou ser un falso aforro e agora estamos a pagalo con creces”, recordando deste xeito a estreita relación entre as persoas e o planeta. Por iso, no seu manifesto, intenta chamar a atención dos líderes mundiais para potenciar a protección da natureza como un dos eixos nos que sustentar os grandes investimentos que serán realizados para reactivar a economía. Os dirixentes europeos mantiveron esta senda verde e, no acordo histórico ó que chegaron o pasado xullo, concluíron que o 30 % dos fondos da UE –tendo en conta tanto o Marco Financeiro Plurianual como o instrumento temporal de recuperación “Next Generation EU”– terá que ser destinado á loita contra o cambio climático, prestando especial atención á protección da biodiversidade.

Máis dun millón de especies atópanse en perigo de extinción, a metade de todos os ecosistemas mariños e acuáticos foi gravemente alterada polos seres humanos, e parece que só dispoñemos de once anos máis para contar cun 50 % de posibilidades de limitar o quecemento global ó máximo esperado de 1,5 °C, o que se está concibindo rapidamente como un feito imposible. Neste contexto, a UE desexa adoptar un marco transformador para despois de 2020 mediante o que se garanta que no ano 2050 “todos os ecosistemas do mundo se teñan recuperado, sexan resilientes e estean axeitadamente protexidos”. Porén, para acadar isto, “volver á normalidade” non será suficiente, tal e como recalca a OMS.

En pleno proceso de recuperación, a UE terá que guiarse polo propósito de non retroceder a vellos hábitos prexudiciais, promovendo que “a economía este ó servizo da sociedade e devolva a natureza máis do que quita”.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)