Publicidade

Galicia calidade produto


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Pontevedra e a acción exterior de Galicia

PUBLICADO O 30 DE NOVEMBRO DE 2020 · (0)



DANIEL GONZáLEZ PALAU · DIRECTOR DO IGADI


A historia de Galicia, determinada pola nosa posición xeográfica, foi de sempre unha historia conectada ao mundo de maneira intensa. Especialmente desde o mar e as rutas marítimas globais, das orixinarias ás actuais. Nesa vibrante aventura de conectividade internacional de Galicia, Pontevedra terá o seu momento de máxima exposición coa aparición da Feira Franca a finais do s. XV, convertendo a cidade nun porto referencial das ruta comerciais en Europa, sendo a máis poboada e próspera de Galicia durante 200 anos…

Desde aquela e chegados os tempos distópicos actuais, impresiona observar a liña de tempo da Pontevedra internacional actual ligada á referencialidade do modelo urbano, hoxe tan premiado internacionalmente. Ao comezo a loita medioambiental contra a contaminación, a recuperación da beleza e orgullo de cidade ou a procura da seguridade viaria, foron elementos tractores da reforma e revolución urbana, que se converteu de maneira visionaria no eixo central do modelo de cidade desde o primeiro mandato de Lores. Hoxe, coma cidade intermedia no mundo do s. XXI é un referente global no deseño urbano das cidades do futuro, premiada a nivel europeo e mundial, e o seu exemplo reprodúcese por medios de comunicación e cidades do mundo enteiro. Desde aquel Premio ao Metrominuto no 2011, o ONU-Habitat no 2015 ou a aparición viral no xornal británico The Guardian 2018, os minutos e os espazos de publicidade internacional para a cidade multiplicáronse, converténdose nun dos activos máis relevantes para a proxección internacional de Galicia. O indicador máis verdadeiro é que calquera persoa que visita Pontevedra experimenta cos seus pasos os premios e os piropos de urbanistas de todo o mundo.

A inspiración do modelo vai dos clásicos de sempre e da época, aterrada ao contexto da Pontevedra dos anos 90. Teñen moito de simbólico co paso do tempo as primeiras visitas a Pontevedra de Jeanne Picard ou F. Tonucci, arredor da reforma urbana e o deseño amigable das cidades coa infancia a comezo dos anos 2000. Ademais, é un un modelo onde a relación coa actual ENCE fixo do ecoloxismo unha pegada estrutural da cidade.

As consecuencias daquelas decisións de comezos de século dan 20 anos despois resultados rotundos en relación á seguridade viaria e a mobilidade urbana, a saúde das persoas ou do aumento sistemático do número de visitantes e turistas da cidade, mais tamén a unha visión estratéxica en relación co internacional no impulso da súa programación: o Salón do Libro, os multitudinarios eventos deportivos, a Feira Franca, o Festival de Jazz, a Semana galega da Filosofía, as relacións con Portugal e a a lusofonía en xeral…

Nese proceso a cidade medrou orgullosa contando con actores consolidados e empresas e entidades internacionalizadas en liña co modelo, así coma segmentos estratéxicos ben situados na relación co global como a moda, o deseño, a saúde, o deporte, as tecnoloxías, a gastronomía, a Universidade ou a cultura… A ollada plural desa vida internacional engade valor diferencial.

Na ollada da Axenda 2030 de Nacións Unidas e a próxima década a captación dos fondos europeos e internacionais, investimentos, talento, ou visitantes, o perfil internacional desenvolvido co modelo urbano é potencial embaixada de todas as persoas e axentes da cidade e de Galicia. Nos próximos vinte anos todo este capital acumulado pode xogar un papel extraordinario no modelo de desenvolvemento da propia Galicia.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)