Publicidade

galicia calidade turismo


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Un novo impulso á Europa Social: o Piar Europeo de Dereitos Sociais

PUBLICADO O 19 DE XANEIRO DE 2021 · (0)



FUNDACIÓN GALICIA EUROPA · JONATAN SANTOS


O piar europeo de dereitos sociais emerxe como un compromiso sólido por parte da Unión Europea (UE) para responder aos actuais desafíos económicos e sociais, co obxectivo de construír un modelo de crecemento inclusivo e sostible e garantir o bo funcionamento dos mercados laborais e sistemas de benestar europeos.

Co gallo de contribuír ao compromiso da UE co progreso social, o piar componse de vinte principios e dereitos esenciais organizados baixo tres categorías. En primeiro lugar, igualdade de oportunidades e de acceso ao mercado de traballo, que inclúe o dereito a unha educación inclusiva e de calidade, a igualdade de xénero, a igualdade de oportunidades e o apoio activo para o emprego. En segundo lugar, unhas condicións de traballo xustas, que requiren un emprego seguro e adaptable, salarios dignos, información e protección en caso de despedimento, afianzamento do diálogo social, conciliación laboral e un entorno de traballo saudable. En último lugar, a protección e inclusión social, referida ao apoio á infancia, a protección social, prestacións por desemprego, unha renda mínima, pensións, coidado da saúde, inclusión das persoas con discapacidade, coidados de longa duración, vivenda e asistencia para as persoas sen fogar e acceso aos servizos esenciais.

Porén, estamos ante un instrumento carente de valor xurídico vinculante. Por este motivo, e debido á necesidade de traducir estes principios en accións concretas, a Comisión Europea está a traballar nun Plan de Acción para a Implementación do Piar Europeo de Dereitos Sociais (a súa publicación agárdase no 2021). Ademais, nesta liña de actuación, a nova presidencia do Consello, asumida por Portugal o 1 de xaneiro de 2021, sitúa entre as súas prioridades “fomentar a confianza no modelo social europeo”, promovendo así unha visión da UE baseada en valores de solidariedade, converxencia e cohesión.

Actualmente, os países da UE están a afrontar un enorme reto socioeconómico derivado da situación de crise motivada pola COVID-19. Neste contexto, a Unión Europea respondeu cun marco financeiro plurianual máis sólido e con maiores garantías, que se viu complementado cunha dotación de fondos adicionais (denominado NextGeneration EU), que á súa vez, engloba programas de gran calado social. Entre estes, destacan o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, que representa o 90% do financiamento e busca incidir naqueles eidos nos que a crise golpeou con maior dureza (coma o emprego, a educación ou a sanidade); REACT-EU, que reforzará a creación e mantemento do emprego e os sistemas sanitarios e que, ademais, complementará a contía do Fondo Social Europeo Plus (principal instrumento de financiamento do piar europeo), orientado tamén a investir en emprego xuvenil e apoiar a aplicación da Garantía Xuvenil; e o Fondo de Transición Xusta, polo que se concederán subvencións para sufragar os custos sociais e económicos da transición ecolóxica.

En definitiva, o escenario financeiro exposto non só conterá o impacto social da crise actual, senón que o fará apostando por unha sociedade máis xusta, dixital, verde e resiliente.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)