Publicidade

galicia calidade turismo


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Aquí e agora

PUBLICADO O 26 DE XANEIRO DE 2021 · (0)



DANIEL GONZáLEZ PALAU · DIRECTOR DO IGADI


Irán a por ti é unha novela do xornalista Félix Soria que saíu a comezos do especialísimo 2020 publicada por Medulia Editorial. É unha novela de personaxes, principalmente mozos, en convivencia, cooperación e conflito no contexto do final do franquismo e a loita pola democracia de comezos dos anos 70. A historia que vincula as distintas tramas das páxinas da novela desenvólvese nun piso compartido, entre distintos perfís sociolóxicos da época que advirten de onde viñamos e a onde nos dirixiamos, con fracturas das identidades ás materialidades e as ilusións todas da mellor transición do universo…

Algunhas personaxes son máis claras e outras máis opacas, amosándose nunha serie de tramas enredadas no escenario da Barcelona traballadora e universitaria da época. As tramas resultan universais, fascinantes e abertas, desde a lectura do pasado e desde o telescopio cara o futuro, arredor dos sentidos da vida, do amor, a política ou as ligazóns dos ciclos vitais e as herdanzas das cadeas familiares. Tramas que non van parar, que evolucionan cada día e que están na esencia do ser humano e as súas neuroses colectivas.

Na historia central da novela atopamos a lóxica da acción colectiva e da súa confrontación e repertorio co poder establecido. Se, obviamente, a historia narrada por Félix Soria baséase nas súas propias experiencias persoais, os escenarios, os personaxes e as conversacións son totalmente universais e actuais, e agora mesmo, con outros escenarios, personaxes e tramas, as mesmas historias estanse a suceder arredor do globo. Se desafías o poder, organízaste e aspiras a transformalo, o poder reaccionará para neutralizar o desafío da acción colectiva, ás veces con disciplina militar e xurídica e outras desde o sutil e o banal. A novela que fala da España dos 70 está a pasar agora, tamén en Europa e no mundo todo, ou mesmo tamén en Catalunya ou Galicia.

Con estes vimbios conceptuais a lectura da novela faise vibrante de menos a máis, ao tempo que axitará o desencanto de todas as inadaptadas aos días de hoxe. A novela é moi recomendable para noites de insomnio ou tardes de ilusión, ou desesperanza, sempre sinxela de ler e chea de realidade, deixándose cheirar.

Di o autor e xornalista Félix Soria que o impulso é necesario para avanzar, que a acción nace do estudo e o coñecemento que despois leva a facer. Quen coñeza a súa traxectoria, coma eu nos últimos anos por medio da súa bitácora dixital www.im-pulso.blogspot.com, atopará estas e outras máximas do autor entre as páxinas de Irán a por ti, coma a esixencia de rigor para a información publicada, o aliñamento coa democracia coma un todo irrenunciable e complexo ou a determinación total e o apoio incansable aos que están sen voz.

Non deixen de lelo, será trepidante ir desfacendo as tramas e personaxes que as sustentan, así coma enriquecedor achegarse desde o pasado aos debates do presente. Para as e os amantes da Barcelona cidade será, ademais, un libro de postais con capacidade de activar unha máquina do tempo cálida e precisa.

Todo isto tamén acontece aquí e agora, tanto se o vemos coma se non.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)