Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O reto da recuperación

PUBLICADO O 29 DE ABRIL DE 2021 · (0)



ALBERTO NúñEZ FEIJóO · PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA


Hai tan só cinco anos, cando conmemorabamos o 25 aniversario do nacemento desta revista ECO, trasladábavos o reto que supuxo para o Goberno galego encarar a crise económica na que se atopaba Galicia, igual que o resto do mundo, no ano 2009. Eran momentos duros para todos, pero sobre todo para as familias, persoas autónomas e pequenas e medianas empresas.

Durante os primeiros anos de goberno, logramos avanzar nun camiño no que a estabilidade, o autogoberno, a eficiencia e o control do gasto público marcaban o rumbo a seguir. Non podía ser doutro xeito: sabiamos que esa era a dirección correcta que tiñamos que seguir da man de todos os galegos para saír da crise, e encamiñar o noso tecido produtivo na senda do crecemento socioeconómico. E así o fixemos.

Fixémolo no eido do emprego, pois unha década despois, Galicia xa creaba máis emprego en cantidade e calidade e tiña menos paro que o conxunto de España. Fixémolo porque logramos que a economía galega crecese de xeito continuado e sostible. Fixémolo porque desde 2016 puxemos en marcha a maior rebaixa fiscal da historia da Comunidade, co que os galegos deixaron de pagar 150 millóns de euros cada ano. E, entre outros fitos, fixémolo converténdonos na segunda comunidade con mellor evolución en termos de converxencia con Europa, e exportando máis que nunca superando, desde 2016, os 20.000 millóns de euros de facturación.

Galicia fíxoo, porque tiña claro desde o primeiro momento o reto que tiña por diante: saír da crise económica e social apostando indiscutiblemente polo benestar social, pola estabilidade política e polo crecemento económico sostible.

Todos eses avances que a Comunidade galega foi quen de acadar na última década permítennos afrontar con máis capacidade que nunca o momento de grande dificultade no que nos atopamos: unha pandemia que, de forma abrupta, interrompeu a nosa forma de vivir. A prioridade de Galicia foi, é e seguirá sendo salvar vidas, e por iso temos todas as nosas esperanzas na vacinación como a única fórmula posible coa que conseguir deixar atrás esta crise sanitaria e volver transitar o camiño do crecemento e o do progreso que xa tiñamos percorrido.

Porque ese camiño é o que nos levou a que, no actual contexto, a economía galega resistise mellor que a de España. Así, a economía galega baixou 2,1 puntos menos en 2020 que a española, unha marxe positiva que se reflicte tamén na evolución interanual do Produto Interior Bruto do último trimestre do ano pasado. Levounos tamén a que a nosa Comunidade amosase un mellor comportamento en exportacións, cunha caída menor en 4 puntos porcentuais que a da media nacional, o que nos permitiu pechar 2020 como a quinta comunidade que máis exporta, ascendendo ao liderado da cornixa cantábrica por riba do País Vasco. E ese camiño tamén nos levou a que Galicia continuase, a finais do pasado ano, entre as comunidades que mellor atenden aos seus provedores, axilizando os pagos–-Galicia paga, de media 6, días antes que o conxunto de España– e evitando problemas de liquidez ás empresas que prestan servizo á Xunta.

Unha mellor resistencia que se demostrou tamén en como nos afectou a pandemia a nivel sanitario. Grazas ao compromiso de toda a sociedade, ao asesoramento experto do noso comité clínico, a uns profesionais sanitarios de primeira, e a un goberno comprometido e que traballou arreo e unido, mantivemos, por norma xeral, uns mellores indicadores que a media de España. De feito, Galicia é a comunidade peninsular con menos mortalidade nestes 12 meses de pandemia. Esta maior resistencia demostrouse tamén, e en diversa medida ao longo destes meses, en temas como a ocupación das UCI, a presión hospitalaria ou a realización de tests.

Hoxe Galicia ten por diante o reto da recuperación a través da transformación económica e social, e para iso precisará da forza colectiva de todos os galegos. Os fondos de reconstrución europeos convértense nunha oportunidade histórica para a transformación da nosa industria avanzando cara a súa dixitalización, a transición enerxética, a economía circular e a mellora da saúde. Pero temos, ademais, a oportunidade de facer realidade unha das nosas máximas como Goberno, que é deixar unha Galicia mellor para as vindeiras xeracións. Isto conseguirémolo traballando na transformación de raíz do noso sistema produtivo para acadar unha economía máis moderna, sostible e resiliente.

Neste contexto histórico, celebramos os 30 anos da revista ECO: tres décadas dun compromiso co desenvolvemento económico de Galicia que hoxe está máis vixente ca nunca e que, sen dúbida, nos une. Estou convencido de que ECO seguirá sendo durante moito tempo unha das fiestras ás que os galegos nos asomaremos para contemplar a transformación económica e social de Galicia, e sinalar novos horizontes.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)