Publicidade

galicia calidade turismo


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Defender o valor dos contidos informativos: unha tarefa colectiva

PUBLICADO O 22 DE ABRIL DE 2021 · (0)



MIGUEL ÁNGEL SANTALICES VIEIRA · PRESIDENTE DO PARLAMENTO DE GALICIA


No seu último libro, o xornalista e vaticanista galego Juan Vicente Boo efectúa unha interesante reflexión sobre a crise que o xornalismo atravesa desde hai algún tempo. Entre as diferentes vertentes desta realidade, refírese aos efectos derivados da delicada conxuntura económica que os medios padeceron e padecen de maneira acentuada; e tamén ao que considera un «problema común a xornalistas e cidadáns: a continua erosión intelectual que causan o predominio da información apresurada –en tempo real– e o efecto distorsionante das redes sociais, excelentes nalgúns aspectos e nefastas noutros».

Neste contexto, que un medio como ECO, Revista do Eixo Atlántico celebre os seus primeiros trinta anos de vida constitúe un feito relevante que converte os seus artífices en merecedores da máis entusiasta felicitación.

Porén, nada ou case nada é froito do acaso. Neste proxecto editorial converxen diferentes realidades que explican estas tres décadas de existencia. Estou a falar da profesionalidade do equipo editorial e do rigor intelectual de cada unha das persoas que ao longo deste tempo teñen colaborado (e continúan a facelo) para ofrecer ao lector un produto que combina información rigorosa, contidos diversos e opinións plurais, non necesariamente converxentes, mais sempre froito da reflexión sosegada e de sólidas traxectorias.

Eríxese, deste xeito, un medio sólido que (como tantos outros) combate a erosión intelectual á que antes me refería; un labor colectivo que precisa, cómpre dicilo, do apoio da cidadanía porque, como se vén reivindicando con xustiza, os contidos informativos teñen un valor que pode e debe ser recompensado.

Calquera persoa que observe a realidade coincidirá en apreciar o avance que Galicia e a súa xente protagonizaron nestas tres últimas décadas, en termos de crecemento económico e da máis diversa natureza. Avances no ámbito da economía, mais tamén no da saúde, no da educación, no das infraestruturas, no da atención ás persoas vulnerables, no espertar cultural… Avances que son consecuencia directa da puxanza social e do desenvolvemento e consolidación da autonomía política da Comunidade, articulada a partir da Constitución e o Estatuto, e que cristalizaron no primeiro Parlamento de Galicia, que o vindeiro decembro celebrará corenta anos de existencia.

Fronte a algunhas voces (afortunadamente residuais, polo menos entre nós) que cuestionan o Estado das autonomías, Galicia tornouse un exemplo: debido á súa lealdade institucional e capacidade de integración no ámbito estatal e europeo; debido ao desenvolvemento do autogoberno no marco constitucional; debido a trasladar os beneficios do autogoberno á cidadanía nun clima de concordia que foxe das tensións que outros territorios alimentan; e debido a cultivar e avivar as relacións fraternais con Portugal, coa lusofonía e, en xeral, con todo o universo latinoamericano, sempre próximo por razóns de todo tipo.

Falamos, polo tanto, dunha realidade rica, poliédrica e con enorme potencial de crecemento, de creación de riqueza e benestar, da que ECO deu conta neste tempo. Teño a esperanza, e tamén a certeza, de que o continuará a facer nas décadas que están por vir, co rigor e coa ilusión de sempre.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)