Por unha nova Galiza
ANA PONTóN · PORTAVOZ NACIONAL DO BNG
Nestes días cómprese un ano da grave crise sanitaria que mudou para sempre as nosas vidas, que está a provocar altísimas doses de sufrimento e perda de millóns de vidas en todo o mundo, máis 2.300 na Galiza.
Esta crise déixanos leccións que debemos aprender para construír un país e un mundo mellor. A primeira é a importancia de sistemas fortes e públicos de saúde e benestar para protexernos colectivamente cando veñen mal dadas. Sistemas que se demostrou que non estaban preparados para responder a unha emerxencia destas dimensións. Que chegaban a 2020 exhaustos logo dunha década de políticas de recortes e privatizacións, e que aínda así fixeron un labor heroico grazas ao compromiso de miles de profesionais.
A crise destapou a indigna mercantilización das residencias da terceira idade e a necesidade urxente de desenvolver un novo modelo que poña no centro o interese social e os dereitos das persoas fronte ao negocio de fondos voitre asentados en paraísos fiscais.
A pandemia tamén puxo aínda máis en evidencia as discriminacións que sufrimos as mulleres en todos os ámbitos da vida, e acentuou unhas desigualdades laborais e sociais que son o intolerábel contrapunto ao papel esencial que desempeñamos na resposta á crise. Vimos tamén o liderado audaz e eficaz de mulleres dirixentes en todo o mundo, e tamén a capacidade mobilizadora e transformadora do feminismo nun 8M que volveu dar unha lección de responsabilidade e rebeldía.
Acompañando a crise sanitaria veu unha debacle económica e social, con devastadoras consecuencias ás que é preciso responder con plans públicos de rescate. Con plans de emerxencia social que atendan as necesidades básicas de miles de persoas sumidas na pobreza. E cun plan de saúde mental e psicolóxica que permita atender as secuelas que o confinamento, a ruptura das relacións sociais e a enfermidade están deixando tras de si.
A covid-19, en fin, demostrou que a ciencia é unha ferramenta indispensábel para o benestar e o futuro dun país. E que temos que crear estruturas sólidas para reter o talento e atraer persoal investigador como panca da modernización.
Galiza fica debilitada e desamparada para facerlle fronte a esta hora crítica pola falta de instrumentos políticos e financeiros e pola natureza submisa da administración do PP. O panorama está cheo de riscos, coa devastación do tecido industrial, co desmantelamento de facto do autogoberno, coa ameaza da brutal onda espoliadora dun “desarrollismo” disfrazado de verde e untado con xenerosas axudas públicas.
Fronte a esta nova pandemia que atenaza o noso futuro, a receita non pode ser outra que confiar no país, crer nas súas inmensas potencialidades e recursos e poñelas ao servizo dun grande proxecto transformador.
A resposta é xerar futuro desde o fortalecemento da capacidade para decidir sobre os nosos intereses, promovendo un desenvolvemento autocentrado, creando instrumentos financeiros propios, conferindo un papel central á ciencia e á investigación, promovendo o desenvolvemento de sectores económicos estratéxicos, protexendo a biodiversidade, xerando cohesión social e territorial e poñendo en marcha un inxente esforzo na capacitación dixital e no despregue de tecnoloxías intelixentes.
A principal lección desta crise é que nada volverá ser igual. Que cómpre superar as vellas receitas e dar paso a un país novo. É necesario pois abrir unha nova etapa, con novas ideas e con novos liderados. É o tempo de alumear un país novo, unha Galiza ecolóxica, científica, social e feminista. Unha Galiza social, forte, viva e con futuro.
Comentarios (0)