Publicidade

Galicia calidade produto


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Fronte á crise, SAÍDA GALEGA XUSTA

PUBLICADO O 28 DE XULLO DE 2021 · (0)



PAULO S. CARRIL VÁZQUEZ · SECRETARIO XERAL DA C.I.G.


Cando aínda vivíamos inmersos nas graves consecuencias da crise de 2008 e do comezo dunha recesión, estamos agora no medio dunha crise sanitaria, convertida nunha profunda crise económica e social, na que o virus ataca sen diferenciar a quen, mais os seus efectos non afectan por igual a todas as clases sociais, nin a todos os pobos.

Evidenciouse máis ca nunca a inxustiza do capitalismo e da globalización, dado que desde o comezo se priorizaron os intereses económicos por enriba das vidas das persoas; e evidenciouse tamén a dependencia que os estados teñen das empresas privadas para acceder a produtos esenciais: vacinas, produtos farmacéuticos, material de protección etc.

Esta nova crise dáse nun momento de intensificación de procesos como o da descarbonización, dixitalización, teletraballo… que vemos non buscan o benestar ou a xustiza social, senón aumentar a marxe de beneficios do capital, mesmo utilizando instrumentos públicos para levalo adiante. Procesos que se poñen en marcha sen ningún tipo de transición, converténdose nunha auténtica demolición do emprego e da industria.

As liñas de actuación que se marcan para afrontar esta grave situación non deixan de ser as receitas neoliberais de sempre, de endebedamento público millonario baixo a dura disciplina económica da UE dominada polo capital e que, no caso do Estado español, é asumida acriticamente polo executivo de PSOE e Unidas Podemos.

Como na crise anterior, da que inda padecemos as consecuencias do rescate bancario e das políticas regresivas impostas que seguen inxustificadamente sen derrogar, preténdese afondar ou perpetuar nestas medidas: reformas laborais, da negociación colectiva ou das pensións, recortes e privatizacións de servizos públicos etc.

En Galiza afrontamos esta realidade con maior dificultade, porque xa estabamos de cheo nunha crise social, industrial e demográfica que, xa de por si, tiña o impacto dunha situación de emerxencia nacional e social.

Ante esta grave situación, vemos a fatal actuación do goberno galego, contribuíndo á destrución dos nosos sectores produtivos e industrias estratéxicas, aplicando unha política suicida na que cada día aumenta a desertización industrial, emigración, pobreza laboral, desemprego e desigualdade social.

Cos anuncios que fai sobre os proxectos NextGeneration, coas últimas medidas en camiño ou xa aprobadas, antidemocraticamente e saltándose todos os mecanismos de control social e institucional (Lei de Reactivación Económica e Simplificación Administrativa, Lei de Saúde, Lei de Terras Agrarias, Plan Forestal, Lei de Universidades Privadas), o Goberno de Feixoó convértese nun “cabalo de Troia” para termos dereitos, empregos, industria, servizos públicos, salarios e condicións de vida dignas en Galiza.

No pasado mes de outubro de 2020 presentamos as Propostas para unha Saída Galega Xusta da Crise cun Plan Galego de Recuperación Económica, Industrialización e Creación de Emprego Digno en Galiza, que conteñen medidas transversais e sectoriais para a súa posta en marcha, demostrando a viabilidade dun desenvolvemento galego propio e autocentrado, se contamos con todos os instrumentos para recuperar o autogoberno e poder levar adiante todo un completo paquete de políticas públicas que concentren todos os recursos en favor das maiorías sociais. Esta é a única maneira real de garantir unha protección social plena, sen exclusións, e o dereito a ter emprego, salarios e ingresos dignos para toda a clase traballadora galega.

Porque non podemos permitir que a saída desta crise sexa un empeoramento aínda maior das condicións de vida das maiorías sociais.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)