Publicidade

galicia calidade turismo


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Todos somos pezas dunha mesma engrenaxe

PUBLICADO O 28 DE XULLO DE 2021 · (0)



JOSÉ ANTONIO GÓMEZ GÓMEZ · SECRETARIO XERAL DE UGT-GALICIA


Parabéns a ECO e aos seus traballadores e traballadoras por estes 30 anos de historia nos que todos os meses informastes, analizastes e opinastes sobre a realidade social, económica e laboral de Galicia. 30 anos nos que fostes peza dunha ampla engrenaxe que é a conxuntura sociolaboral galega. Entre todos os que formamos parte desta engrenaxe, temos que contribuír ó seu harmónico funcionamento achegando cada un de nós o que mellor sabemos facer. Vós informar e analizar e nós negociar, dialogar, achegar solucións ós problemas, atender as demandas dos traballadores e traballadora… pero en ningún caso, sobre todo nos momentos máis difíciles como o actual, ser un problema máis; temos que ser unha solución e contribuír con todas as nosas armas á mellora da nosa sociedade.

Tócavos conmemorar o voso 30 aniversario en momentos especialmente delicados. Nós celebramos o noso 130 aniversario cando arrancábamos a saída dunha crise económica de ámbito mundial e que neste país deixou unha fonda pegada no mercado de traballo e da que milleiros de familias saíron mancadas. Cando estabamos collendo aire para saír veu o furacán da pandemia e afundiunos de novo e, como sempre, son as persoas traballadoras, autónomos e pequenos empresarios e as súas familias os que están a pagar con creces esta nova crise.

Pero dende UGT gritamos alto e claro que non imos permitir que sexan as persoas traballadoras as pagáns desta crise e imos traballar arreo para que ninguén quede atrás na saída, porque sairemos. Primeiro haberá que saír da crise sanitaria, porque sen saúde non haberá recuperación, e, despois, sairemos da crise económica e laboral.

Pero isto se todas as pezas que formamos parte desta engrenaxe remamos a unha para garantir unha recuperación igualitaria. Ata o de agora, UGT contribuíu, co seu traballo no eido do diálogo social, a que se adoptasen unha serie de medidas como os ERTE, axudas dirixidas aos sectores máis desfavorecidos como a hostalería… todas elas supoñen un colchón para amortecer estes meses pero, unha vez solucionada a crise sanitaria, son moitos os vimbios que imos ter que traballar entre todos para buscar unha saída sólida a esta crise. Aí estará UGT-Galicia e así nos comprometemos no noso 13º Congreso que vimos de celebrar hai uns días.

Isto significa traballar para consolidar un mercado laboral sólido, estable e digno para todos e todas, o que pasa, pola derrogación da reforma laboral; unha industria forte e competitiva para este país que tire da recuperación, para o que apostamos por un Pacto pola industria e un Pacto pola enerxía; unha malla de protección social que chegue a todos os que máis o necesitan; uns servizos públicos de calidade, que xogaron un papel tan importante nesta pandemia; unha aposta clara polas políticas públicas; e unha aposta clara polo investimento en I+D+i.

Hoxe, máis que nunca, faise necesario reivindicar o papel do Estado e das administracións públicas, fronte ó poder absoluto dos mercados, pois sen Estado non hai redistribución das rendas, non hai igualdade de oportunidades. Apelo a todas as partes, administracións, empresarios e sindicatos a traballar cóbado con cóbado na oportunidade, dentro desta fonda crise, que constitúen os fondos que Europa destina á recuperación. Deben ser unha oportunidade para avanzar na dixitalización, o fortalecemento do sector industrial, dentro dun proceso de transición xusta, e o fortalecemento dos nosos servizos públicos.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)