Publicidade

Galicia calidade produto


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A I+D+i e a colaboración empresa-universidade

PUBLICADO O 06 DE SETEMBRO DE 2021 · (0)



JULIO ABALDE ALONSO · REITOR DA UNIVERSIDADE DA CORUñA


En Noruega está activa, desde hai uns anos, a Asociación de Investigadores Españois, cuxa cota pagan 60 socios e socias. Son só una parte dos científicos formados no noso país e integrados por aquelas latitudes escandinavas. Traio este caso a colación como pequeno botón de mostra da capacidade das nosas universidades para formaren profesionais de primeiro nivel internacional e, ao tempo, da incapacidade das nosas institucións científicas –universidades incluídas– e do noso tecido produtivo para aproveitaren semellante caudal de talento.

Podémolo tomar tamén como un indicador do atraso que levamos en España canto a investimento en I+D+i con respecto á media da Unión Europea. En 2019 destinamos a este fin o 1,24 % do noso produto nacional bruto, segundo o INE, un punto menos que a media da UE e moi lonxe de países como Francia, Suecia, Alemaña ou –fóra da UE– o Reino Unido e a mesma Noruega. Por detrás, igualmente, de Portugal, Italia e Grecia.

De resultas da crise económica de 2008 e das medidas seguidas para enfrontala, España sufriu un grave retroceso nos recursos dedicados a investigación e innovación. Freouse unha traxectoria, lenta pero continua, orientada a se achegar aos parámetros continentais. As políticas miopes nesta materia durante a crise levaron a esquecer ou pospoñer a grande aspiración que se fixara a UE no cumio de Lisboa do ano 2000: alcanzar o 3 % no investimento en I+D+i en 2010 e converter a economía da Unión, sobre a base do coñecemento e o desenvolvemento sustentable, na máis competitiva do mundo. Nada menos. O obxectivo español era, daquela, situarnos no 2 %.

Nunha economía baseada no coñecemento resulta clara a centralidade das universidades. No último cuarto de século os campus españois enfrontaron reformas de calado, co obxectivo de preparar mellor os profesionais que forman (un exemplo: cada ano fan prácticas en empresas e institucións 11.000 estudantes universitarios galegos) e de potenciar as nosas capacidades investigadoras. Particularmente, a capacidade de innovar e de lles transferir resultados da investigación ao tecido socio-produtivo e ás administracións públicas.

En xeral, en España arrastrabamos unha vella inercia de illamento, descoñecemento ou incomunicación mutua entre as universidades e o mundo empresarial. Por fortuna, eses compartimentos estancos xa non existen, grazas ás iniciativas e aos esforzos desde ambas as beiras. Sendo sempre importante, coido que para Galicia ten moita máis transcendencia o achegamento entre universidades e un sector privado con altísimo peso das pemes e microempresas e, xa que logo, con máis dificultades para se activar no vital circuíto da I+D+i.

Na Universidade da Coruña, o Campus Industrial de Ferrol, que acaba de obter a primeira acreditación da Xunta como campus de especialización, ou a Cidade das TIC, no Campus Innova da Coruña, son dúas boas mostras da magnitude deses novos espazos de colaboración ao que me estou a referir.

Son exemplos de colaboración pública-privada sólida e estable, territorio aboado para a investigación e a transferencia de coñecemento, co obxectivo de sumar forzas e proxectar os campus como puntos de referencia tanto de calidade académica como de crecemento da I+D+i, tan urxentemente necesario para o progreso de Galicia.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)