Publicidade

Galicia calidade produto


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Tres décadas narrando o devir de Galicia

PUBLICADO O 06 DE SETEMBRO DE 2021 · (0)



VALENTÍN GONZÁLEZ FORMOSO · PRESIDENTE DA DEPUTACIóN DA CORUñA


Nuns tempos convulsos como os que estamos a vivir, é unha moi boa nova poder celebrar a continuidade dun medio como ECO, a Revista do Eixo Atlántico, que cumpre tres décadas de vida. Máis de 350 publicacións despois, este medio galego segue a achegarnos a actualidade económica, así como o devir político, cultural e social de Galicia e do norte de Portugal. Nada máis e nada menos que 30 anos de historia que consolidan a traxectoria desta revista e a afianzan no panorama informativo galego.

Lonxe queda a realidade do 1991, data na que comeza a súa andaina, converténdose desde entón en altofalante da actualidade da nosa contorna e dos e das que a protagonizan. Ao longo deste período, ECO soubo adaptarse ás necesidades de consumo informativo, dixitalizándose e facendo a súa aparición na rede no 2011 para que os seus lectores e lectoras puideran coñecer de primeira man os eventos e sucesos máis destacados do noso territorio, sen importar o lugar e o momento.

Que un medio de comunicación siga cumprindo anos sempre é un motivo de festexo, e máis tendo en conta a situación de crise sanitaria e económica na que nos atopamos agora mesmo, que afectou a múltiples sectores da nosa sociedade, xa fora en maior ou menor medida. A continuidade de ECO é unha celebración para a diversidade e a pluralidade, tan necesaria para manter as bases dunha democracia.

ECO contribúe non só a preservar esa variedade de voces no ecosistema da información, senón á protección, ao impulso e á promoción da lingua galega e, polo tanto, da nosa cultura, patrimonio e identidade. A defensa do galego tamén forma parte das funcións da Deputación da Coruña, desde onde sempre buscamos apoiar proxectos que empreguen o idioma da nosa terra para narrar o presente e o futuro de Galicia, sendo unha peza chave para o coidado e promoción a lingua.

No contexto actual, claramente influído pola pandemia que nos asola desde hai un ano, a revista ECO aproximounos ás consecuencias económicas e sociais desta difícil situación, así como a outras temáticas de enorme calado, como por exemplo a realidade que nos deixa o Brexit.

Benvidas sexan esas tres décadas que levades narrando o devir de Galicia. Os meus parabéns a todo o equipo que se atopa detrás de ECO, cuxo compromiso e traballo son clave para que os galegos e galegas sigamos informados sobre a realidade da nosa contorna. Deséxovos que sigades, como mínimo, outros 30 anos máis recollendo os fitos da nosa historia.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)