Publicidade

Galicia calidade produto


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Máis de tres décadas de Galicia na Unión Europea

PUBLICADO O 18 DE NOVEMBRO DE 2021 · (0)



JESÚS GAMALLO ALLER · DIRECTO DA FUNDACIÓN GALICIA EUROPA


Dende a Fundación Galicia Europa, é un pracer sumarnos á felicitación á revista ECO polos seus 30 anos de publicación mensual ininterrompida, unha traxectoria que acompañamos dende practicamente o seu inicio. O espazo que nos ofrece ECO cada mes dános a oportunidade de explicar as políticas europeas ao gran público, un labor difícil que tratamos de levar a cabo dende unha perspectiva galega e a partir da nosa experiencia nos asuntos comunitarios.

Sen dúbida, pouco ten que ver a Galicia de hai tres décadas coa actual e nisto a Unión Europea ten desempeñado un papel fundamental, criticado por uns e eloxiado por outros. Tivémonos que adaptar ás esixencias das políticas comunitarias, sobre todo da agrícola, da pesqueira e da de competencia; unha tarefa que non foi nin é doada. Pero, afortunadamente, en Galicia isto non deu ás ao euroescepticismo. A cidadanía é consciente da importancia de pertencer a este club privilexiado nun contexto tan competitivo e con tantos desafíos como o actual. E non só polos fondos comunitarios que recibimos ou imos recibir. Europa é moito máis.

Europa foi a que introduciu na nosa linguaxe expresións como “economía do coñecemento”, “crecemento intelixente, sostible e integrador” e agora a “dobre transición climática e dixital”. Sen ese marco conceptual, Galicia dificilmente tería apostado pola investigación e a innovación, pola Industria 4.0 ou pola economía circular. En definitiva, Europa traza a senda pola que debemos camiñar se queremos gañar competitividade.

Pero quen toma as decisións desa Europa? Bruxelas? Estrasburgo? Os Vinte e Sete? Galicia ten algo que dicir? Rotundamente si e niso traballamos día a día desde a Fundación Galicia Europa. E non só a Administración pode participar nesta toma de decisións. Trátase dun proceso certamente complexo pero tamén aberto: máis de catrocentas iniciativas están a día de hoxe a consulta pública por parte da Comisión Europea. Unha vez que estas iniciativas son propostas, pasan a ser negociadas polas dúas institucións codecisoras, Parlamento e Consello, que –non esquezamos– están compostas polos nosos representantes políticos e asesoradas por dous órganos que representan á sociedade civil e aos axentes sociais, e máis aos entes subestatais como Galicia.

Neste ano tan atípico, comeza, ademais, un novo e gran proceso de reflexión denominado “Conferencia sobre o Futuro de Europa”. Durante ano e medio as institucións escoitarán as opinións dos cidadáns para redefinir o rumbo do proxecto europeo, un proxecto que, paradoxalmente, se viu reforzado coa crise que vivimos dende o ano pasado. Os 750.000 millóns de euros para a recuperación económica supoñen un verdadeiro fito na integración europea. Por primeira vez, Europa emitirá débeda pública en grandes cantidades para financiar os investimentos e reformas necesarios para conseguir a transformación verde e dixital da nosa sociedade. Isto esixirá grandes esforzos por parte de todos. Soamente en subvencións, España poderá optar a máis do dobre do que adoita recibir da política de cohesión e deberá executalo en case a metade de tempo. Temos unha oportunidade única diante de nós para saír reforzados desta crise e para, no caso de Galicia, afianzar o modelo económico no que vimos traballando nos últimos anos. Non deixemos escapala.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)