Publicidade

Galicia calidade produto


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Un impulso ao crecemento do Río Miño transfronteirizo

PUBLICADO O 19 DE NOVEMBRO DE 2021 · (0)



CARMELA SILVA · PRESIDENTA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA


O Eixo Atlántico é un referente en materia de cooperación transfronteiriza. Leva case tres décadas de traballo incansable a prol dunha integración plena da Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal e na procura de maiores cotas de prosperidade para os case sete millóns de persoas que habitan a ambos lados da fronteira.

Falo dun elemento dinamizador indiscutible e unha ferramenta moi valiosa á hora de poñer o foco sobre as necesidades e demandas dun territorio no que as Administracións galegas e lusas compartimos importantes desafíos en materia demográfica, económica, industrial, de infraestruturas e dun turismo do século XXI baseado na sustentabilidade. Moi atrás quedaron aquelas lendas que falaban das “costas viradas” entre pobos irmáns. Hoxe, cando xa non hai barreiras físicas que nos separen, fanse aínda máis actuais aquelas verbas de Galdós cando dixo que “o Pai Miño era a fronteira máis fermosa xamais imaxinada”.

Nesta travesía, a revista do Eixo Atlántico ten sido unha firme aliada á hora de visibilizar á realidade dos territorios limítrofes e dar a coñecer á cidadanía e ás empresas interesadas os proxectos postos en marcha na Eurorrexión co respaldo dos fondos europeos. Que unha publicación cumpra hoxe 30 anos é un síntoma de indubidable madurez, solvencia e compromiso co servizo público. Por iso quero felicitar ao equipo da revista ECO por tan honrosa efeméride. Tres décadas de información en galego apostando por estreitar lazos a ambos lados do Miño. E de cara ao futuro, contamos coa súa complicidade para dar conta dos moitos éxitos compartidos que de seguro nos acompañarán nos vindeiros trinta anos

O desenvolvemento económico e social da área transfronteiriza do río Miño é unha prioridade para a Deputación de Pontevedra, que ten envorcados os seus esforzos nos últimos anos na modernización do tecido empresarial, a mellora das comunicacións e a posta en marcha de proxectos de turismo sostible que xeren ingresos no territorio aproveitando a enorme riqueza natural, cultural e histórica que temos en común.

Os gobernos de ambos países e as organización económicas limítrofes contamos cunha traxectoria de cooperación que entra agora nunha nova fase de aceleración coa intención de dar pasos decididos na integración produtiva entre ambas marxes do Miño e a aplicación dos principios reitores da Axenda 2030. 

A nosa implicación co fortalecemento do espazo da Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal é máxima. Confiamos no enorme potencial deste territorio desde o punto de vista económico e social, e apostamos polo aproveitamento conxunto dos recursos para retomar a senda do crecemento despois deste ano excepcionalmente duro marcado pola pandemia. A mellora das comunicacións ferroviarias entre ambos lados da fronteira, o apoio ao tecido empresarial, a defensa da veciñanza con lazos familiares e emocionais e unha historia vital común, a harmonización lexislativa e fiscal e un bo aproveitamento dos fondos europeos de reconstrución deben ser as prioridades a curto e medio prazo para os Gobernos de ambos países.

Temos o convencemento de que en conxunto somos máis fortes e seremos capaces de garantir máis oportunidades de futuro para a poboación e as empresas con intereses no Río Miño transfronteirizo. Moitos parabéns e longa vida!!



Comentar








Enviar

Comentarios (0)