Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O impacto económico da guerra

PUBLICADO O 14 DE MARZO DE 2022 · (0)



MARíA CADAVAL · PROFESORA DE ECONOMíA APLICADA DA USC


Tras meses de tensións crecentes, o pasado 24 de febreiro, Rusia invadiu Ucraína. Despois de varios días de guerra contabilízanse por centos os civís asasinados e por miles os soldados caídos, sen que se saiba exactamente cantos son. A distorsión deste balance é tamén unha batalla engadida por facerse co relato da guerra. Aos falecidos han de sumarse os millóns de desprazados que tan só nuns poucos días saíron do país ocupado, que Europa debe acoller. Ante este drama humano, falar de consecuencias económicas pode resultar inoportuno mais non se debe esquecer que detrás da ideoloxía que conduce á guerra hai tamén intereses económicos.

Rusia, segundo os ideólogos de cabeceira de Putin, pretende progresar nun mundo multipolar no que a Unión Económica Euroasiática sexa o grande polo de confrontación ao “liberalismo hexemónico occidental”, xunto coa China de Xi Jinping, que sintoniza non só no económico senón tamén na aposta xeopolítica de Rusia, desta volta coa mirada posta en Taiwan.

Son tempos convulsos coa incerteza como única variable segura. As consecuencias económicas están moi ligadas a ela e, sobre todo, á duración da guerra. As interconexións e dependencias que ten creado o mundo globalizado foron postas de relevo durante o peor da pandemia e agora volven a sentirse. O mundo enteiro está a padecer os efectos económicos da guerra, que ten un impacto global, mais que se deixa sentir de maneira especial sobre as economías europeas. O impacto non é tanto polo volume da economía rusa, similar ao da economía española en peso, ocupa a posición undécima no ranking mundial, senón pola súa especialidade produtiva. Rusia é o segundo país produtor mundial de gas e petróleo, o que supón o 70 % das súas exportacións e produce tamén insumos industriais básicos como aceiro ou aluminio.

Pola súa banda, o país Ucraíno é coñecido coma o celeiro do mundo, do que proceden boa parte dos cereais e produtos básicos de consumo non só para as persoas senón tamén para os animais. Esta produción de trigo, millo, xirasol de Ucraína deixa de subministrarse e, automaticamente, ten un efecto de suba de prezos, cunha incidencia significativa para o sector primario, que ha de engadir á suba de prezos xeneralizada que viña asumindo, un incremento significativo dos custes de alimentación para o gando, o que produce, á súa vez, un efecto dominó no resto da cadea alimentaria: pan, da carne, dos ovos, do leite, etc. e un efecto inmediato na compoñente subxacente ou básica da inflación, que ata o de agora estaba en niveis aceptables, a pesares da suba do prezo dos produtos enerxéticos, que deixaron o mes de febreiro cunha inflación récord en tres décadas, do 7,4 %.

A isto hai que sumar a restrición do subministro de enerxía e as necesarias sancións impostas a Rusia, que terán un impacto directo sobre maiores niveis de inflación, un golpe directo á liña de flotación da recuperación prevista, cun impacto significativo sobre os mercados financeiros. Isto debilita as cadeas globais de valor, aínda máis do que xa estaban, e retraen o crecemento mundial. As sancións teñen percorrido de ida e volta nun contexto para o que Europa non estaba preparada. A dependencia enerxética europea é a principal debilidade dunha área que pouco ou nada fixo para reducila, mentres Rusia se preparou para resistir as previsibles sancións económicas, un impacto no que terá especial relevancia o papel que xogue China, mais alá de poñerse de perfil.

Mentres Europa non obteña novas fontes de abastecemento enerxético, debe asumirse que a inflación estará alta, elevará o impacto negativo da escaseza dos inputs básicos das cadeas de subministracións e encarecerá a compra de consumos básicos. Agora si, advírtese o risco de estanflación que non sobrevoara durante a pandemia, pero que pode chegar se o conflito se mantén no tempo, cuxas consecuencias nefastas para a economía terán presente aqueles que viviron a crise do petróleo nos anos 70. Un conflito prolongado no tempo xeraría en Europa altas taxas de inflación e estancamento económico, polo que a política económica debe adiantarse e consensuar pactos de rendas, amais de cambiar a folla de ruta da política monetaria que tiña marcada o Banco Central Europeo, desprazando, de momento, a perspectiva dunha subida de tipos como resposta á inflación. Isto non impedirá, de todos modos, unha prima de incerteza que están asumindo xa a meirande parte das empresas.

En Galicia hai varios sectores directamente afectados pola guerra, dada a súa exposición e dependencia dos países en conflito. Os sectores téxtil, automobilístico, metalúrxico, químico, conserveiro e primario estanse a ver seriamente danados de xeito directo, mentres que a suspensión das relacións bancarias e o bloqueo dos medios de pago abocan a asumir situacións complexas senón irrecuperables. O impacto final dependerá da duración da guerra. Con todo, a desestabilización ten consecuencias a tódolos niveis –principalmente o humano– e en tódolos sectores.

Veñen tempos difíciles, aínda máis difíciles, se cabe.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)