Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Dos Xogos Olímpicos á Guerra

PUBLICADO O 29 DE MARZO DE 2022 · (0)



DANIEL GONZáLEZ PALAU · DIRECTOR DO IGADI


Os Xogos de Inverno Beijing 20202 desenvolvéronse entre o 4 e o 20 de febreiro, nun ambiente enrarecido pola desigual xestión global da fase pandémica actual e a tensión na sociedade internacional coa crise entre Ucrania (e a OTAN) e Rusia. Tamén, o boicot diplomático dos USA aos Xogos, que durante o 2021 enredou á Unión Europea, xerou moitas expectativas no seguimento político mais diluiuse no mediático así como a propia cita olímpica,polas tensións que acabaron coa invasión de Rusia a Ucraína, o 24 de febreiro. 

A especialista galega en diplomacia deportiva, Marta Álvarez, apuntaba no seu artigo ”Despois dos Xogos Olímpicos: Tensións diplomáticas en Beijing 2022 e Tokio 2020” publicado unhas horas despois do inicio da invasión na páxina web do Igadi, “Os derradeiros Xogos Olímpicos de Inverno Pequín 2022 víronse totalmente eclipsados pola escalada de tensións no conflito entre Ucraína e Rusia que tivo lugar durante o seu transcurso, relegando o evento a un segundo plano mediatico. Isto tamén puxo de manifesto o poder tan só simbólico na actualidade da Tregua Olímpica, que previo ao inicio do evento foi adoptada por consenso polos 193 países da ONU e recibido polo COI cun grande optimismo, mais non amosou ter ningún impacto real na pacificación do conflito.” 

Os Xogos recordaranse, sen dúbida, pola súa sincronía coas tensións de guerra e a súa espectacular inauguración. Unhas horas antes, Xi Jinping tiña a súa primeira reunión presencial trala emerxencia da covid-19 con outro líder internacional, Vladimir Putin. A declaración conxunta posterior é un texto moi importante para o comezo da época postcovid e un grao máis no saco cheo da renovación da amizade ruso-china da última década e o que isto implica en escenario derivados, como a Organización de Cooperación de Shanghái (OCS). Acentuado pola sincronía ucraniana na prensa europea o encontro formou parte do stress informativo da escalada de declaracións entre a OTAN e Rusia, na que Ucraína, sabendo ou sen saber, pareceu un convidado de pedra, as veces soa e as veces acompañada. 

Ao final dos Xogos de Beijing, o 20 de febreiro, a espectacular e colorida cerimonia de clausura contrastaba cun clima negro na sociedade internacional. No marco da escalada de declaracións durante os Xogos, o anuncio de invasión de Rusia para o 16 de febreiro por parte dos medios de comunicación anglosaxóns citando fontes da intelixencia americana, caldeou o ambiente até o punto que o Presidente Zelinscky declarouno o Día da Unidade nacional. Rusia sen embargo, mofouse de variadas maneiras destas informacións insistindo en que os plans de invasión non eran reais. Poucos días despois do 16 de  febreiro e só catro días despois do final dos Xogos, o 24 para o 25, V. Putin decidía dar un gran salto adiante na arquitectura de seguridade internacional coa invasión unilateral de Ucraína. O grande embuste, con ou sen tregua olímpica, tivo no inmediato un reagrupamento europeo en torno á OTAN (con tantos embustes ás costas) e unha acción conxunta da Unión Europea de consecuencias incertas no desenvolvemento da guerra e na organización da seguridade europea cara ao futuro... 

Ao tempo as dúbidas difundidas por algúns medios de comunicación occidentais, arredor de canto sabía ou deixaba de saber China durante os Xogos, déixana nunha situación embarazosa, que manexa con prudencia entre o entendemento e a crítica a Rusia, desde a súa relación conflitiva cos USA, ao tempo que de recoñecemento público de Ucraína e do multilateralismo como método para a resolución de conflitos. O seu papel será importante na evolución do conflito e na súa propia credibilidade e capacidade de levar adiante os seus plans para un mundo multipolar en paz.

Ás herdanzas mal xestionadas por occidente do final da Guerra Fría así como as transformacións na sociedade internacional das últimas décadas, sumáronse no último ano as fendas aceleradas produto da crise da covid-19, desatando curtocircuitos arredor do globo, xerando riscos humanos, económicos, loxísticos, medioambientais... Ao final, o tabú nuclear voltou e un novo telón de acero ameaza no horizonte. Os piores presaxios tralo impacto da pandemia van tomando formas.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)