Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Eficiencia do gasto público e calidade democrática

PUBLICADO O 06 DE MAIO DE 2022 · (0)



SIMÓN REGO VILAR · CONSELLEIRO DO CONSELLO DE CONTAS DE GALICIA


Hai máis de 40 anos nun coloquio no Ateneo Mercantil de Valencia, o profesor Joan Prats avanzaba o diagnóstico ao redor da eficiencia do sector público en España: “Cun sistema de control baseado exclusivamente no control de legalidade apriorístico, o clásico control de intervención, non hai maneira de transformar as administracións públicas nun sistema de xestión, non hai maneira de saber nin o que facemos, nin de contrastar o que facemos co que deberiamos facer, nin hai maneira de saber o que custa o que facemos, nin moito menos o que custaría o que deberiamos facer”. Corenta anos despois, P. Rosanvallon, considera a responsabilidade na tripla vertente de rendición de contas da xestión pasada, xustificación das decisións de xestión adoptadas e avaliación do impacto das políticas públicas, como un dos principios clave da calidade da gobernanza democrática hoxe en día. 

Nos sucesivos procesos de modernización da xestión pública desde os anos 70 a actualidade, da man da crítica dos “fallos do sector público” de Wolf (1979) asociados, entre outros, á crítica á ineficiencia burocrática centrada na maximización dos orzamentos (Niskanen, 1971), e posteriormente á esixencia dun novo sistema operativo público baixo a filosofía da Nova Xestión Pública dos 90, da “reinvención do goberno” (Osborne e Gaebler, 1992) e aquela administración que “coste menos e traballe mellor” de Al Gore, un dos elementos que a nivel interno nunca logrou consolidar a súa presenza, foi a institucionalización da avaliación de políticas públicas como un pre-requisito dos programas de intervención pública. Xa fora na súa vertente ex ante (análise coste-beneficio ou coste-efectividade) como ex post (evaluacións de impacto), empregando a terminoloxía dos órganos de control externo, procurar saber se a política pagou a pena, tendo en conta todos os seus efectos directos (resultados) e indirectos (impactos), incluso os non previstos ou involuntarios, así como as necesidades que a política tiña por obxecto satisfacer (Directriz INTOSAI GOV 9400).

Un exemplo, recentemente o Tribunal de Contas publicou unha auditoría operativa con enfoque avaliador dos Programas de Activación para o Emprego cun orzamento de 1.140 millóns de euros en 2015 e 2016 dos que se executou o 25 %, sen obxectivos claramente definidos e indicadores medibles. Aparentemente o programa contribuíu a mellorar a empregabilidade dos beneficiarios, salvo que fagamos unha análise contrafactual e comparemos os resultados cos daquelas persoas ás que se denegou a participación ou con outros parados de longa duración. Os beneficiarios traballaron 74,6 días fronte aos 112,2 daqueles aos que se denegou. O número de beneficiarios do PAE que traballaron máis de seis meses foi do 6 % fronte ao 26 % dos parados de longa duración.

Neste momento de planificación da recuperación post-pandemia, semella inevitable a énfase na eficiencia do gasto público, entendida como a maximización dos resultados cos recursos dispoñibles, sexa cun enfoque centrado na eficiencia técnica (intervencións máis rápidas, con menos recursos ou con superiores estándares de calidade sen recursos adicionais) ou de asignación (dirixindo os recursos a aquelas actividades con mellor ratio coste/beneficio), sen esquecer as leccións da pandemia e a importancia das reservas de capacidade e garantía de resiliencia dos servizos públicos froito dos mapas de riscos de xestión.

Os Fondos Next Generation son unha oportunidade histórica para contribuír ao cumprimento do Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 16 da Axenda 2030 das Nacións Unidas, de crear institucións eficaces e transparentes. No Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia de España recóllese o impulso da eficiencia do gasto público e a mellora da avaliación ex ante e ex post das políticas públicas, aliñado co “novo” (afóndase nun modelo de financiamento baseada en rendemento xa experimentado no período 2014-2020, con desigual éxito tal e como ten constatado o Tribunal de Contas Europeo) esquema de financiación europea vinculado en esencia a parámetros non financeiros, reformas e inversións, fitos (cualitativos) e obxectivos (cuantitativos) en lugar do tradicional enfoque de gastos contraídos e capacidade de absorción financeira.

Neste contexto corresponde aos órganos independentes de control externo, como o Consello de Contas de Galicia ir máis alá do tradicional enfoque de “mirar polo retrovisor” a regularidade contable e a legalidade do gasto, asumir un enfoque avaliador centrado no cumprimento de principios, tamén constitucionais, de equidade, eficiencia, economía (art. 31) e  eficacia (art. 103), que contribúan a maximizar o impacto social do gasto público, para o que resulta imprescindible que o novo esquema de xestión de fondos europeos con definición de misións-políticas panca, fitos cualitativos e obxectivos cuantitativos, indicadores de seguimento, políticas de prevención do fraude e dos riscos de xestión, sistemas de seguimento e información, non constitúan illas de xestión vinculadas a un ámbito sectorial de xestión de fondos comunitarios, senón que formen parte do deseño global do sistema institucional.  

Neste sentido a experiencia comparada marca o camiño, o Tribunal de Contas francés vén de asumir o compromiso no seu Plan estratéxico de multiplicar por catro as súas avaliacións de políticas públicas en 2025; o de Alemaña, a National Audit Office británica ou a Oficina do Auditor Xeral de Canadá levan anos realizando auditorías de Value for money e Spending Reviews. Non perdamos esta oportunidade de mellora da calidade institucional e de xerar bancos de evidencias para a mellora do proceso de definición das políticas públicas.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)