Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Pactos de integridade

PUBLICADO O 31 DE MAIO DE 2022 · (0)



SIMÓN REGO VILAR · CONSELLEIRO DO CONSELLO DE CONTAS DE GALICIA


Un 4 de agosto de 1822, James Madison respondía a un cuestionario remitido por un mestre e político republicano sobre experiencias educativas doutros Estados, cunha cita que se converteu en referencia cando se fala de goberno aberto, dous séculos despois: “Un goberno popular, sen información pública, nin os medios para adquirila, non é máis que o prólogo dunha farsa ou dunha traxedia; ou, tal vez, de ambas. O coñecemento gobernará para sempre a ignorancia”. Pouco importou que Madison se estivese referindo en realidade non á transparencia e ao acceso á información pública, senón ao debate sobre a importancia da educación pública, a expertise dos mestres de escola, fronte aos burócratas do Goberno, nas súas verbas, as institucións eruditas (learned institutions) deberían ser os obxectos favoritos de todas as persoas libres. Sexa dunha forma ou doutra, queda clara a importancia e o poder do coñecemento e a colaboración, fronte a dinámicas puramente xerárquicas e unidireccionais.

Nun momento como o actual, a resposta europea á pandemia da man dos fondos Next Generation (en torno a 4 de cada 5 euros dos preto de 200.000 millóns de euros previstos para España de fondos UE no período 2021-2027, excluíndo os pagos directos da PAC) vén da man, basicamente, de dous factores. Primeiro, a financiación baseada en rendemento, é dicir, non vinculada a parámetros puramente financeiros de gasto, senón á efectividade de reformas e inversións. E segundo, e o máis relevante aos nosos efectos, da esixencia a aqueles destinados a xestionala dunha capacitación institucional no eido da prevención, detección e persecución do fraude, a corrupción e os conflitos de interese. Neste último aspecto cabería preguntarse se a resposta só ten que vir da man do marco institucionalizado da man dos Plans de Medidas Antifraude ou as declaracións de ausencia de conflitos de interese, ou se caben estruturas de colaboración e interdependencia coa sociedade civil. Caben alternativas desde a oferta no ámbito da integridade ou só temos que atender aos esquemas clásicos da estrutura administrativa?

Neste sentido, desde os anos 90 Transparencia Internacional presentou a figura dos Pactos de integridade como un mecanismo de colaboración entre as autoridades públicas e os operadores económicos que participan nos procesos de contratación pública no que se comprometen a elevar os estándares aplicables en materia de transparencia, rendición de contas e eficiencia en todas as fases do proceso de contratación pública, incluíndo desde a fase de deseño ata a avaliación posterior, de ser posible. Neste sistema actúa como facilitador-monitor unha organización independente da sociedade civil que garante o cumprimento da normativa aplicable e a xestión dos riscos de fraude, corrupción e conflito de intereses. Desta forma trátase de garantir a mellora da gobernanza da contratación pública, a transparencia e a rendición de contas, a través dun esquema preventivo e participativo para o fomento de comportamentos íntegros e non só centrado na busca cuasi-exclusiva da reacción fronte á vulneración de normas.

A Comisión Europea no ano 2015 presentou un proxecto piloto de 18 Pactos de Integridade en 11 Estados Membros, para facer fronte aos 5.000 millóns de euros anuais estimados de custe do fraude nos procesos de contratación pública para o orzamento comunitario, a través desta figura de control cívico na xestión de fondos públicos. Por poñer un exemplo deste proceso, resulta salientable o executado en Portugal en torno á conservación e reconstrución do Mosteiro de Alcobaça, patrimonio mundial da Unesco desde 1989 (https://pactodeintegridade.transparencia.pt/pacto-de-integridade/).

En síntese, fronte a solucións puramente reactivas e centradas no ámbito institucional, benvidas as solucións de monitorización cívica e a participación das comunidades, grupos sociais e asociacións profesionais nas diferentes fases dos procesos de contratación pública, especialmente aqueles que conforman o futuro das próximas xeracións e que requiren de supervisión para garantir a responsabilidade de quen os dirixe, a transparencia e rendición de contas e a confianza cidadá na acción pública.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)