Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Don Luis

PUBLICADO O 06 DE XUñO DE 2022 · (0)



DANIEL GONZáLEZ PALAU · DIRECTOR DO IGADI


Coñecín a Don Luis en 2009, era guatemalteco e case nicaraguano, contaba  sesenta e seis anos. Coñecino coma marido de Dona Gladys, Directora do Instituto de Promoción Humana-Somoto (Nicaragua), nunha visita a Galicia organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Durante unha semana Dona Gladys fascinounos cos proxectos de cooperación que financiaban o municipalismo galego e a Xunta. 

Entre conferencia e actividade, entre Concello e Concello, nas viaxes en tren, autobús ou coche, Dona Gladys e Don Luis contábanme as súas historias biográficas, as de Nicaragua e Centroamérica, así como a do propio INPRHU-Somoto, ongd de referencia no sistema de cooperación de Nicaragua, tan importante para España. Seducido pola viaxe vital centroamericana de Don Luis, entre os anos 60 e os 80, de Guatemala a Nicaragua, así como polas memorias directísimas de Dona Gladys arredor da auxe e caída da revolución sandinista, pasoume a semana voando. O día que nos despedimos Don Luís contoume que polas noites lera “A curva dos 9” (un texto do Instituto de Estudos Miñoráns sobre a represión franquista en Baiona) e que se ía a Nicaragua poderíame ensinar lugares semellantes. Despedinme coa incerteza de saber se os voltaría ver, animándolles a deixar constancia das súas vidas nunha biografía, escoitalos fora como ver unha película.

Rápido voltei. Dous anos mais tarde viaxei a Nicaragua e xa instalado na casa de Dona Gladys, Don Luis facilitoume as primeiras trescentas páxinas da súa biografía que decidira comezar para contar a constelación familiar desde os bisavós, cando a Coroa española aínda ostentaba o poder. E chegando á segunda parte da biografía, xa coa súa infancia na Guatemala da United Fruit Company.

Durante a miña estadía o texto estancouse e non sería ata 2019 que recibín un correo da súa filla Dona Marta, avisándome da próxima publicación do libro en Amazon, autoeditado: “Regreso al infierno pasando por la gloria: Un libro basado en hechos reales”. O libro é conmovedor e único, emocionante, pedagóxico, diferente. E sinxelo de ler a pesar das súas mais de cincocentas páxinas. Conta unha vida de mil oficios: carpinteiro, escultor, profesor, publicista, debuxante, guionista… Unha vida de revolución en Centroamérica, unha vida na cultura e na acción colectiva, cun pai pintor, fillo de indíxenas e obreiros, educado desde a enerxía marxista e as influencias cristiáns, mais que remata no desencanto, a sensación de fracaso xeracional e o ocaso persoal co falecemento de Dona Gladys.

Desde a proposta autobiográfica o libro de Don Luis ten dentro de si varios extraordinarios: un libro de aventuras da súa árbore xenealóxica que serve para poñer en contexto un personaxe cunha biografía de momentos trascendentes e episodios hilarantes. En segundo lugar, disecciona as influencias do poder mundial sobre a rexión centroamericana, desde o colonialismo e as loitas pola independencia ás dependencias económicas herdadas e adquiridas. Por último, destaca todos os encantos e desencantos coa acción colectiva e as relacións humanas, entre a ilusión da transformación e o cambio e a frustración dos erros repetidos, así coma das propias miserias, as nosas imperfeccións. Todo co realismo máxico latinoamericano e un universo persoal.

A vida de Don Luis é unha vida de película e que un editor con destreza sería capaz de facer deste un libro especialísimo, local e universal.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)