Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Intelixencia e Relacións Internacionais

PUBLICADO O 09 DE AGOSTO DE 2022 · (0)



DANIEL GONZáLEZ PALAU · DIRECTOR DO IGADI


Segundo a RAG a intelixencia é “a facultade de coñecer, de comprender e de formar ideas” e acompaña a palabra dun exemplo na versión dixital do seu dicionario: “A intelixencia considérase unha facultade exclusiva do ser humano”.  Desde os inicios da psicoloxía como ciencia no S.XX e especialmente desde a fin da Segunda Guerra Mundial, a discusión arredor das formas e profundidade das intelixencias foi moi frutífera, popularizándose termos como intelixencias múltiples ou intelixencia emocional, complementarias ás tradicionais intelixencia matemática ou relacional.

 

Nese contexto é cando se atribúe a paternidade do concepto, Intelixencia Estratéxica, a Sherman Kent, analista estadounidense entre os anos 40 e os anos 60. Desde a Oficina de Servizos Estratéxicos, núcleo da formación da CIA, Kent edificou as bases que impregnarían o desenvolvemento dos servizos de intelixencia estaodunidense actuais, de grande ascendencia no mundo enteiro. El definiuna así no manual fundacional, “Intelixencia Estratéxica para unha política mundial estadounidense” (1949) “A intelixencia, tal e como a describo, é o coñecemento que os nosos homes, civís e militares, que ocupan altos cargos, deben posuír para salvagardar o benestar nacional.”

 

Para ter unha visión histórica e panorámica da relación entre os servizos de intelixencias e as relacións internacionais, tiven a sorte de que caese nas miñas mans o libro Intelixencia e Relacións Internacionais: Un vínculo antiguo y su revalorización actual para la toma de decisiones de Marcelo Javier de los Reyes (Editorial Almatuz, 2019, Buenos Aires), director da Sociedade Arxentina de Estudos Globais e profesor en Intelixencia Estratéxica, ata o seu retiro, na Universidade Nacional da Prata e na Escola Superior do Exército Arxentino. Ademais Marcelo é investigador asociado do IGADI desde comezos de século, o cal moito nos honra. 

 

O libro, que pode considerarse un manual na materia, parte en primeiro lugar da identificación concreta de conceptos ás veces contraditorios en función de quen ou desde que latitude do planeta os enuncie, delimitando ideas forza como Política Exterior, Réxime Internacional, Diplomacia ou Sociedade Internacional. Tras a clarificación inicial o autor inicia un camiño pola historia que evidencia as ligazóns entre a intelixencia e as relacións internacionais desde antes da Idade Media atéaa institucionalización da Intelixencia Estratéxica coma disciplina básica de formación en todas as escolas diplomáticas e militares do planeta. Así arranca aproximándose aos antecedentes, aos primeiros servizos segredos en formas de palomas mensaxeiras, enganos e salvocondutos imperiais de axentes segredos con licenza para matar...

 

Xa co tempo de entreguerras e a II Guerra Mundial, o autor contorna os sentidos e as formas dos servizos de intelixencia actuais. Desde aquelas fotografías en branco e negro Marcelo fainos transitar por episodios fundamentais ata a actual emerxencia do mundo multipolar. Desde a encriptación de mensaxes da mítica máquina Enigma, á vixiancia planetaria de Echelon, da primeira alianza UKUSA aos Cinco Ollos de hoxe, así como todo o aprendido pola China de todos estes procesos á hora de xestionar a vixiancia da súa poboación O libro finalmente conclúe cun capítulo sobre a toma de decisións desde a Intelixencia Estratéxica nesta revolución tecnolóxica que abre un mundo novo no que explicar, analizar e predicir, seguirán a ser verbos necesarios no marco da cooperación e o conflito entre os Estados.

 

Para o IGADI ter unha Intelixencia Estratéxica na acción exterior de Galicia faise basal para unha prosperidade que será moi disputada nas próximas décadas. Na man da sociedade, as institucións e as empresas, está construír esa intelixencia galega global, que prime a cooperación desde os nosos atributos na sociedade internacional: posición xeostratéxica no Atlántico, diáspora, lingua, cultura.... Temos unha ferramenta máis no libro de Marcelo, parabéns!

 

 



Comentar








Enviar

Comentarios (0)