Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Europa ante o espello... do control

PUBLICADO O 20 DE DECEMBRO DE 2022 · (0)



SIMÓN REGO VILAR · CONSELLEIRO DO CONSELLO DE CONTAS DE GALICIA


Permítanme a licenza do título e a lembranza da obra do mestre Josep Fontana en torno á construción da identidade europea en confrontación cos espellos dos outros, exteriores e interiores. Neste suposto, non se trata dunha lexitimación de supostas superioridades, senón dun exercicio de transparencia e rendición de contas na xestión dos recursos da Unión Europea. En datas recentes, o Tribunal de Contas Europeo, o gardián das finanzas da Unión Europea, vén de publicar o informe que serve de base ao Parlamento Europeo, por recomendación do Consello, para a aprobación anual da xestión do orzamento pola Comisión Europea: Informe anual sobre a execución do Orzamento da UE relativo ao exercicio 2021.

Este exercicio, estrutúrase en dúas partes ben diferenciadas. A primeira, en relación coa legalidade e regularidade do gasto. Noutras palabras, se as responsabilidades orzamentarias sobre os 181.500 millóns de euros, o 2,4 % do gasto total das administración públicas dos Estados membros da UE (228.000 millóns de euros se incluímos os gastos dos fondos Next Generation EU, que ascenderon aos 46.500 millóns en 2021) se executaron conforme ao marco xurídico e contable comunitario vixente. Neste eido, as conclusións son favorables en relación cos ingresos (as fontes de financiamento, maioritariamente contribucións dos Estados membros, 48,2 %, en función da súa renda nacional bruta, xunto co momento hamiltoniano da financiación dos Next Generation a través do endebedamento conxunto e a asunción conxunta de riscos no ámbito fiscal, 23,2 % do total de ingresos da UE) e coa fiabilidade das contas, a súa veracidade, integridade e exactitude; mais non en relación coa legalidade do gasto, en tanto se estima que o erro máis probable na xestión está no 3 % (fronte ao 2,7 % do exercicio 2020), e por tanto, superior ao límite de erro admisible ou tolerable (2 %). Neste sentido, o Tribunal de Contas Europeo volve a considerar como o ámbito de maior risco na xestión europea, onde 3 de cada 4 euros se xestionan de forma compartida entre os Estados e a Comisión, aquel vinculado aos programas baseados no reembolso de gastos, fronte aos máis fiables dos pagamentos asociados a dereitos (co arquetipo dos pagos directos da Política Agrícola Común). Tamén se destaca o incremento significativo do nivel de absorción dos Fondos Estruturais e de Inversión do período 2014-2020 no exercicio 2021, malia que non se efectuará o peche ata o 2025 e aínda máis alá para o FEADER, a media de absorción UE está no 67 %, e España está no 62 %, na liña de Alemaña, Italia e lixeiramente por debaixo de Francia. 

Porén, a relevancia deste exercicio está no seguinte paso, en liña coa filosofía dos fondos Next Generation da Unión Europea, un modelo de financiamento baseado en rendementos, en reformas e inversións, e non en reembolso de gastos ou en dereitos. O Tribunal analiza os resultados da execución do orzamento comunitario, os seus impactos vinculados a cinco prioridades horizontais: loita contra o cambio climático, preservación da biodiversidade, igualdade de xénero, cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Unión Europea e a transformación dixital. Transitamos cara a un modelo de rendición de contas integral, onde non só se trata de explicar o cumprimento do marco contable e legal, senón os resultados da xestión, o seu rendemento.

E Galicia? En Galicia, no ámbito da proximidade, o ámbito local da primeira liña de resposta ás necesidades e demandas da cidadanía, da gran “descubridora de competencias”, o espello da Administración local galega comezou coa rendición de contas en outono. Un 71,75 % das 360 entidades locais principais renderon contas en prazo ao Consello de Contas en 2021, o 100 % das Deputacións, o 77 % dos Concellos, co foco no 35 % das mancomunidades e o 22 % das entidades locais menores que requiren dunha reflexión pausada.

En meses, este exercicio complementarase coa análise da legalidade e regularidade formal das contas, e no horizonte xa están os modelos de avaliación de rendemento en torno ao ciclo integral da auga e o custe efectivo dos servizos municipais. O espello europeo como referencia.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)