Publicidade

Cluster


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“No noso sector hai case pleno emprego”



TERESA ROCAMONDE · PUBLICADO O 19 DE MAIO DE 2017 · (0)




Galicia ten capacidade para converterse nunha software factory, centrada na exportación e capaz de duplicar o sector TIC actual. Así o asegura Antonio Rodríguez, presidente do Clúster TIC de Galicia, quen coñece os retos que ten por diante un dos sectores con mellores perspectivas de futuro nesta comunidade. 

As últimas cifras do sector parecen optimistas. Estamos realmente á cabeza?

O hipersector TIC mantén a senda do crecemento, sobre todo na parte especificamente TIC, porque nos atopamos nun bo momento para o mundo tecnolóxico e dos contidos, cunha base crecente tanto de consumidores finais coma de novos produtos e servizos para empresas. Este sector foi un dos que mellor soportou a crise que supuxo mais un freo que afundimento. Pero as empresas necesitan investir en TIC para competir, e por iso en canto a economía se recupera, o sector crece con forza. Temos empresas innovadoras, con capacidade, e temos programas de apoio e o que necesitamos é axudar a estas empresas a crecer, sobre todo fóra de Galicia. […]

Cantas empresas integran actualmente o Clúster e que cifras manexan?

Contamos con 95 asociados, a meirande parte pemes, que aglutinan ao redor de 4.800 traballadores e facturan aproximadamente 600 millóns de euros. Pero cabe destacar que no Clúster tamén participan outras entidades, coma colexios profesionais e centros tecnolóxicos, que proporcionan outra perspectiva nos proxectos e estratexias, e mantén contacto cun ecosistema TIC máis amplo, de arredor de 300 axentes do sector.

O clúster está traballando conxuntamente con outra organizacións onde a tecnoloxía xoga un papel relevante. Están o resto de sectores plenamente concienciados da importancia da innovación e mellora tecnolóxica?

Sen dúbida, pero, en moitos casos, o problema dáse á hora de investir. Unha empresa saneada debe investir entre un 2% e un 5% dos ingresos en TIC para estar o día do mercado. Isto non é a regra en Galicia, e por iso vemos tantos procesos de negocio anticuados en moitos sectores. Agora xorde timidamente unha conciencia da necesidade da transformación dixital, de facerse únicos grazas ao uso intelixente da tecnoloxía aplicada ao teu negocio. Axudan os novos paradigmas TIC, o opensource, os mozos e mozas ben preparados, pero cada empresa debe pór en marcha unha estratexia propia TIC e iso non se compra, hai que facelo […]

Cal é a maior fortaleza e cal a maior debilidade do sector?

A maior fortaleza, sen dúbida, é o seu estado saneado, a alta capacitación das empresas e o ecosistema TIC para afrontar, de xeito individual ou agrupado, calquera proxecto de innovación e mellora tecnolóxica que un cliente necesite. É dicir, o sector TIC pode dar resposta a calquera necesidade cos recursos actuais. Debilidades temos dúas: soldos e descenso de matriculacións en carreiras STEM. Semella que, a pesar de garantir un emprego, non estamos de moda, son carreiras duras e hai que traballar arreo despois para brillar, os soldos de entrada son baixos relativamente –aínda que logo crezan rapidamente–, pero isto pesa na mocidade máis que a garantía de atopar traballo. O problema dos soldos continuará mentres pretendamos traballar no sector local […]

Así que hai percorrido para medrar máis…

Por suposto. O hipersector TIC global crece de forma explosiva, captura investimento, crea miles de empresas cada ano, polo que non hai mellor sitio para traballar. A nosa política está en fomentar a creación de negocios que aposten por produtos TIC globais, especializados, punteiros, porque os grandes clientes do mundo tamén están cansos de traballar sempre cos mesmos provedores e andan na procura de novas empresas. As grandes multinacionais teñen unha unidade que busca nova tecnoloxía en pequenas empresas, e aí podemos competir con calquera. Galicia pode ter no futuro unha software factory, focalizada na exportación e con bos soldos, que duplique o sector TIC actual. 

(Extracto da entrevista que se pode ler completa no número 312 – maio 2017)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)