Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“Se se deixase de fumar, o 85% dos cancros de pulmón desaparecerían”



TERESA ROCAMONDE - FOTOS: MIGUEL MUÑIZ · PUBLICADO O 06 DE XUñO DE 2017 · (0)




Pese á información e ás campañas de concienciación, o 24 % da poboación española maior de 15 anos segue fumando e o tabaco provoca cada ano no noso país unhas 60.000 mortes. Son datos que se fixeron públicos o pasado 31 de maio con motivo do Día Mundial Sen Tabaco. Un día antes falamos sobre todo isto con Luis Paz-Ares (Vilagarcía de Arousa, 1962), especialista en cancro de pulmón e xefe do servizo de Oncoloxía Médica do Hospital Universitario 12 de Octubre de Madrid

O tabaco desencadea o 75% das enfermidades respiratorias e o 30% dos cancros. Supoño que se concretamos no cancro de pulmón a cifra é pavorosa…

Está comprobado o consumo activo de tabaco está detrás de máis do 80% dos cancros de pulmón, que son a principal causa de incidencia e mortalidade por cancro en todo o mundo. En España o de pulmón é o cancro que causa máis mortes e hai uns 27.000 casos.

Iso cambiaría radicalmente se deixásemos de fumar.

Eu diría que, neste país, se se deixase de fumar de todo, probablemente o 80 ou 85 % dos cancros de pulmón desaparecerían. Ou máis, porque entre ese 15 % restante están os debidos a fumadores pasivos.

Adoita dicirse que tras 15 anos sen fumar os efectos do tabaco desaparecen completamente. É así?

En medicina isto dos números absolutos… O que é certo é que, canto menos fume un, mellor; aínda que teña 60 anos, se pode deixar de fumar debe facelo porque o risco diminúe en canto vai pasando o tempo sen fumar. O risco de cancro de pulmón é proporcional á cantidade de cigarros fumados e ao tempo que se fume.

Por que esa alta mortalidade. Avanzouse pouco no tratamento deste tumor?

Non, para nada. O cancro de pulmón é dos tumores no que os avances foron máis rápidos e máis efectivos nestes últimos anos. Afortunadamente as cousas cambiaron moito desde que eu empecei, por exemplo. Un número importante de doentes que antes non se curaban agora cúranse, e a aqueles que non somos capaces de curar podemos ofrecerlles a posibilidade de controlar a enfermidade, ao menos por un tempo, de tal forma que non sofren os síntomas de forma tan acusada e poden ter unha mellor calidade de vida.

Por que é tan baixa aínda a porcentaxe de curación?

Un dos maiores problemas do cancro de pulmón é que a maioría das veces se diagnostica cando a doenza xa non está localizada. Só un 20 % dos casos son candidatos a unha cirurxía potencialmente curativa, por iso o prognóstico non é dos mellores. O outro 80% son diagnosticados cando a doenza xa saíu do pulmón ou deu lugar a metástase.

Que terapias hai dispoñibles actualmente para tratar estes tumores?

Nos últimos anos aprendemos moito sobre que alteracións moleculares orixinan o cancro de pulmón, que é o que diferencia unha célula normal dunha que se comeza a manifestar como cancerosa. Este coñecemento da bioloxía molecular e tumoral cambiou notablemente os paradigmas de tratamento. Nos últimos anos hai tres piares que impulsaron a evolución do tratamento do cancro e, en concreto o de pulmón: as novas tecnoloxías, o descubrimento de marcadores moleculares capaces de predicir que pacientes van a responder a unha determinada terapia, e a creación de equipos multidisciplinares para diagnóstico e terapias. Todo iso deu lugar ás dúas revolucións recentes no tratamento do cancro: a oncoloxía de precisión baseada na xenómica. 

Queda moito para falar de curación ou cronificación desta enfermidade?

O cancro é unha enfermidade moi complexa que estamos a empezar a entender e a dirixir os nosos esforzos a desenvolver estratexias de combinación personalizada, de acordo ás vías ou marcas distintivas que impulsan a bioloxía tumoral de cada paciente. […] 

Algúns expertos e algúns centros aconsellan realizar probas de cribado para o cancro de pulmón, como se fai nos de mama ou colon. Sería realmente efectivo para mellorar o diagnóstico deste tumor?

Se temos en conta que un dos maiores problemas deste tumor é que se diagnostica moi tarde, que cando coñecemos a súa existencia están xa nun estadio avanzado ou moi avanzado, parece que os programas de cribado poderían ser a solución. Pero ata agora os programas de screening non tiveron moito éxito. Últimamente un par de estudos parece que detectaron que facer un TAC de baixa radiación cada ano pode diminuír a incidencia. […] Hai problemas sen resolver como que, ao facer un TAC, a maior parte dos nódulos que se detectan, aínda que sexa en pacientes de alto risco, non son cancro, de tal forma que provocamos moita iatroxenia, necesidade de quitar ese bultiño que ao final non era nada, ansiedade ao doente e á familia etc. Estamos nun momento no que hai esperanzas nos métodos radiolóxicos pero quizais aínda non estamos prestos para ofrecerllo a toda a poboación. É o momento de facer estudos sobre isto. 

(Extracto da entrevista que se pode ler completa no número 313 – xuño 2017)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)