Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“Hai que facer caso dos avisos de actualización”



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 16 DE XUñO DE 2017 · (0)




A sorprendente propagación durante o pasado maio do ransomware WannaCry e das súas variantes afectou a máis de 200.000 persoas de 166 países, dende hospitais ata empresas como Telefónica. As cifras marean pero, en realidade, estas vicisitudes son o pan de cada día a pequena escala, unha pingueira constante que as máis das veces sería facilmente evitable cuns consellos básicos, como os que dá a ECO o experto en software libre José Manuel Sendín.

Cales son os consellos básicos que temos xa que meter na cabeza para evitar virus e demais? 

Sempre que estás conectado a Internet tes que ter sistemas operativos e un antivirus actualizado e non usar versións que non sexan oficiais. E, sobre todo, ter coidado coas cousas que abres. Este tipo de problemas adoitan aparecer como consecuencia de que algo estraño entra e bloquéache os arquivos ou accede a información confidencial. Así que tamén debes ter unha copia de respaldo ou backup coa información sensible a resgardo.

Sempre está detrás o factor humano?

Si, normalmente adoita ser por descoido: abres un arquivo que non deberías abrir e iso provoca que se che infecte o computador. Ou non tes copias de seguridade e usas versións de sistemas operativos que non son oficiais. Os problemas adoitan derivar dun fallo propio. Só hai que seguir un mínimo de normas, porque estamos permanentemente conectados a Internet, como por exemplo facer caso dos avisos de actualización. Pero sempre polas canles oficiais.

O medo ás nubes ten sentido?

As nubes, ao contrario do que pensa moita xente, son bastante seguras. Como todo servizo na rede o perigo está en se rompen os contrasinais de acceso. Pero en principio, seguindo a regra do cadeado verde e o http, non hai problema. É certo que Dropbox foi hackeada e filtráronse datos de contas, pero as nubes adoitan ser seguras.

E podémonos fiar dos wifis abertos, como os dos aeroportos?

Eu non recomendo conectarse a eles e nunca o fago, porque sempre existe a posibilidade de que se che coen no dispositivo. De feito, normalmente hai un proceso previo de rexistro ou de aceptación para conectarse cun descargo de responsabilidade.

(Extracto da entrevista que se pode ler completa no número 313 – xuño 2017)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)